POLÍTICAS SOCIAIS

A concelleira de Políticas Sociais reúnese cos colectivos relacionados coa situación das persoas sen teito da cidade

18/12/2015 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, mantivo unha xuntanza esta mañá cos colectivos relacionados coa situación das persoas sen teito da cidade. Á xuntanza acudiron representantes da Policía Local, UMAD, Cruz Vermella, Vieiro, Cociña Económica, FEAFES, Compostela Vella e Compostela Monumental. Tamén estaban invitados á xuntanza Cidade Vella e San Martiño Pinario, que declinaron invitación.

Na xuntanza reflexionouse sobre o traballo feito polo Concello, en colaboración coas entidades sociais nos equipos de rúa. Trátase de equipos que pasan diariamente polas zonas onde pernoctan as persoas sen teito e transeúntes da cidade. Ademais, tamén están actuando a Policía Local e os servizos de limpeza.

A concelleira pediulles ás asociacións "que fosen sensibles cunha problemática que non se soluciona dende o punto de vista da orde pública, senón que se trata dun problema de carácter social onde se require tempo e sensibilidade. É necesario que este problema se saque da esfera mediática e política".

As entidades falaron da necesidade de coordinación entre os colectivos sociais, o Concello e a Fiscalía e tamén da importancia da atención individualizada para sacar a estas persoas da rúa. Os vindeiros pasos que se darán nesta problemática están relacionados cos pisos de saída, que porá en funcionamento o Concello no primeiro trimestre do ano.

Compartir: