XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica as obras de mellora da rúa Rapa da Folla

18/12/2015 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe as obras de renovación de pavimentos da rúa Rapa da Folla, das que se encargará a empresa Construcciones Iglesias Mera S.L. A actuación conta cun orzamento de 25.780 euros, máis un IVE de 5.414 euros. O Executivo rexeitou a oferta presentada por outra empresa, por non presentar toda a documentación esixida no prego administrativo. Este proxecto da rúa Rapa da Folla está incluído no POS 2014 da Deputación da Coruña.

En materia de obras, a Xunta de Goberno tamén acordou ampliar o prazo de execución dos traballos de acondicionamento dunha zona de descanso para peregrinos, parque público e parque infantil de Angrois, así como o prazo de execución do campo da festa e pista polideportiva do mesmo barrio. O motivo ten que ver co atraso acumulado nas dúas actuacións, por mor dos controis arqueolóxicos aos que tiveron que ser sometidos os dous proxectos.

Outro dos acordos da Xunta de Goberno de hoxe foi a apertura do procedemento de adxudicación do Servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes do parque de Salgueiriños, cun tipo de licitación de 82.644,63 euros, máis un IVE de 17.3555,37 euros. Ademais, prorrogouse o contrato pola prestación do servizo de xestión de expedientes sancionadores de tráfico coa empresa SCI, por un período de dous anos e un importe total de 922.881,36 euros.

Convenios e subvencións
A Xunta de Goberno tamén deu conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Asociación Cultural Cidade Vella, que regula a cooperación entre as dúas partes para impulsar actividades culturais que contribúan a dinamizar a cidade de Santiago.

As actividades culturais que inclúan equipos de amplificación pódense celebrar en horario que non exceda as 24:00 horas, agás as noites de venres, sábado e domingo, nas que poderán celebrarse ata a 01:00 horas. As actividades que non supoñan equipos de amplificación de son poderán celebrarse no horario de apertura do local.

As accións previstas son contacontos, monólogos e teatro de cámara, maxia, clubs de lectura, música, sesións de DJs e exposicións. A Asociación Cultural Cidade Vella comprométese a colaborar activamente co Concello para evitar molestias á veciñanza, realizando unha campaña de concienciación cívica e velando por evitar aglomeracións e ruídos na vía pública durante os eventos e ao remate deles.

Do mesmo xeito, o Goberno local deu conta do convenio de colaboración asinado con COGAMI, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, por un importe de 15.000 euros.

En canto ás axudas, aprobouse o pagamento dunha serie de subvencións nominativas, En concreto, recibiron luz verde as axudas ao Museo do Pobo Galego (9.180 euros), Asociación Cultural Francisco Asorey (2.000 euros), Curso Universitario Internacional "Música en Compostela" (3.825 euros), Asociación Cultural Colexiata de Sar (3.500 euros), Asociación Cultural O Galo (2.000 euros) e Ateneo de Santiago (3.400 euros).

Documentos relacionados



Compartir: