ACCIÓN CULTURAL

Cantigas e Agarimos estrea en Compostela o seu novo espectáculo, "Balbino"

18/12/2015 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; o director de Agadic, Jacobo Sutil, e Amparo Pérez, vicepresidenta de Cantigas e Agarimos, presentaron esta mañá na Casa do Concello Balbino, o novo espectáculo da Agrupación Folclórica que se estrea no Auditorio de Galicia o domingo 27 de decembro ás 20:00 horas. Na rolda participaron tamén Manuel Amenedo, de Ditea Teatro, e Conchi Viñas, da EASD Mestre Mateo, entidades que colaboran no espectáculo.

Cantigas e Agarimos, grupo histórico dedicado á recuperación da cultura tradicional de Galicia, presenta este espectáculo dentro do circuíto DANZA3 do AGADIC e coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela. Na recreación do escenario físico e cronolóxico participan importantes institucións artísticas de Compostela, como a EASD Mestre Mateo (en concreto o Departamento de Arquitectura Efémera) e a compañía de teatro Ditea.

As entradas teñen un prezo de 5 euros e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (que abre de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443 e tamén o propio día do espectáculo no despacho de billetes do Auditorio de Galicia.

Balbino conxuga baile e música como recursos obvios, así como outros non tan previsibles pero enormemente relevantes, que acompañan a un reparto de máis de 90 artistas para situar ao público no escenario vital dun neno de aldea, pero dende un punto de vista orixinal. A novela Memorias dun neno labrego, do recentemente finado Xosé Neira Vilas, serve como punto de partida para crear unha proposta multidisciplinar que medra ao longo das diferentes escenas que reflicten a sociedade galega de mediados do século XX: as clases sociais, o éxodo, os costumes ou a rebelión reprimida.

Coidado ao máximo nos detalles, cheo de contido e de sorpresas, Balbino emprega todas as expresións da identidade galega ao seu alcance para lanzar unha mensaxe sinxela pero moi poderosa sobre quen somos e cal é o noso patrimonio.

Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos
A Agrupación Folclórica "Cantigas e Agarimos" fundouse en Santiago de Compostela no ano 1921 por iniciativa de Bernardo del Río Parada, Salvador Cabeza de León, Enrique Sánchez Guerra e Camilo Díaz Baliño, sendo unha das agrupacións máis antigas dedicadas ao folclore galego. Dende a súa fundación, Cantigas e Agarimos estivo dedicada á recuperación, conservación e transmisión da cultura tradicional galega, traballando activamente na consolidación da identidade cultural de Galicia.

Na actualidade está composta por máis de 80 membros, distribuídos nas seguintes seccións: Coro, Baile, Pandeireta e Instrumental. Cantigas e Agarimos busca achegar ao público toda a bagaxe das tradicións que configuran o sentir do noso pobo, articulando un espectáculo de calidade, no que tenta trasladar no tempo ao espectador, levándoo nunha viaxe imaxinaria polas nosas raizames.

Compartir: