ACCIÓN CULTURAL

Funboa Escénica presenta "Sushi gratis" da man de Cristina Balboa e Lúa Gándara

16/12/2015 Funboa Escénica presenta Sushi gratis, da man de Cristina Balboa e Lúa Gándara este xoves 17 de decembro, dentro da programación de Teatro da Concellaría de Acción Cultural. Será no Teatro Principal ás 20:30 horas. As entradas teñen un prezo de 10 euros e están xa á venda no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 h), no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

Dúas mulleres reúnense para tomar té, e mentres contan un gran segredo, comezan a reflexionar sobre a necesidade do drama e a esaxeración para levar unha vida máis acorde coas súas percepcións románticas sobre a arte e mesmo a felicidade.

Sushi gratis é unha precuela, unha peza do que fomos, da raíz do desastre, dos recordos... A construción ficticia da propia vida e da nosa identidade. Nas tres propostas hai un traballo dende a verdade, a memoria e o contexto, onde o humor é utilizado como superación das fallas cósmicas que nós interpretamos como realidade. Hai un segredo, como o das telenovelas, que vai saíndo á luz desde o que pide a historia, a través dun texto, en parte improvisado. Cristina Balboa conta a historia, Lúa Gándara é a confidente, a asistente, a que tira do fío e unha espectadora máis.

Compartir: