ACCIÓN CULTURAL

O Chicago Mass Choir estará o vindeiro luns no Auditorio co seu tributo a B.B. King

16/12/2015 O Chicago Mass Choir, dende o respecto e a fidelidade á tradición do gospel, presenta no Nadal do 2015 A spiritual tribute to B.B. King, unha sentida homenaxe ao rei do blues e lenda da música popular americana. Será o vindeiro luns, 21 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia. As entradas teñen un prezo de 20 euros e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, no 902 434 443, en entradas.abanca.com e o propio día do concerto no despacho de billetes do Auditorio de Galicia.

En A spiritual tribute to B.B. King, Chicago Mass Choir reproduce a música puramente gospel que gravou o gran mestre en 1959, nun disco que foi un marabilloso recoñecemento a todos os cantantes anónimos que inspiraron a xeracións de profesionais. Con este tributo a B. B. King, Chicago Mass Choir volve traer aos escenarios os vellos himnos que traen ao presente o lume e a beleza do pasado.

B. B. King Sings Spirituals publicouse no selo Crown Records e foi para King un traballo de amor e a oportunidade de volver ás tradicións das "Igrexas Pentecostais" da súa nenez. Como demostran os 10 cortes do disco, toda a súa arte afundía as súas raíces profundamente no campo do gospel. A sección instrumental é a das igrexas da infancia: órgano, piano, baixo e batería, con toneladas de palmas, gran respaldo coral e sen guitarra. O canto de King neste disco extraordinario, para aqueles que só coñecen ao gran guitarrista de blues, é unha revelación en números como o alegre "Old Time Religion" ou o animado "Army Of The Lord".

A spiritual tribute to B. B. King é unha produción de Los Grandes do Gospel, principal referente na organización de concertos, eventos e festivais relacionados co xénero gospel no Estado español. A dirección musical do proxecto foi encomendada a Mr. Percy E. Gray, produtor discográfico, compositor e director de corais, premiado cos Stellar Awards e co prestixioso Gospel Music Workshop Excellence. O programa deste tributo espiritual a B. B. King complétase cunha selección dos números que ama o público europeo e pezas do gospel contemporáneo.

Compartir: