POLÍTICAS SOCIAIS

O Programa Municipal de Intervención Socioeducativa remata coa entrega de diplomas aos grupos participantes

16/12/2015 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, estivo esta mañá no Centro de Atención e Benestar Social do Concello (CABES) para facer a entrega dos diplomas aos case 30 participantes do Programa Municipal de Intervención Socioeducativa.

O Programa Municipal de Intervención Socioeducativa concíbese como servizo educativo e psicosocial de prevención, intervención e apoio dirixido ás familias e a toda a comunidade. Ten como finalidade promover a calidade de vida e o benestar social das familias e dos membros que a integran. Persegue a promoción da autonomía familiar, o desenvolvemento integral das súas potencialidades e a súa participación activa como protagonistas do seu cambio, a partir dun proceso co construído entre as familias, as/os profesionais e os axentes da comunidade.

Dende o Programa Municipal de Intervención Socioeducativa considerouse necesario desenvolver formas metodolóxicas de aplicación de modelos e pautas educativas complementarias co traballo individualizado.

Para acadar este fin programáronse actividades que, mediante unha metodoloxía de traballo individual e de grupo, de carácter participativa, permitise a cada persoa usuaria ser axente do seu propio cambio.

Os obradoiros deseñados foron implementados coa colaboración, totalmente altruísta, de profesionais de diferentes ámbitos: sanitario, educativo, social..., adaptándose ás necesidades específicas das persoas usuarias. Destaca a colaboración dos profesionais do ámbito da saúde e do ámbito educativo, cos que existe unha metodoloxía de traballo en rede.

Compartir: