MEDIO AMBIENTE

O Centro de Interpretación Ambiental de Belvís reabre as súas portas cunha ampla oferta de actividades para 2016

16/12/2015 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia deu conta este mércores da reapertura do Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, en Belvís, e presentou o programa de actividades para os vindeiros meses. Fíxoo acompañado de Paula Lubián, responsable de proxectos de Feitoría Verde, a cooperativa que se encargará de xestionar o CIAC.

Xan Duro lembrou que o Centro de Interpretación Ambiental de Belvís é un espazo multifuncional, que o Goberno local quere converter nun referente para toda a cidadanía. O primeiro paso é este programa de actividades, pensado para "aportar unha visión didáctica da ecoloxía urbana, propiciar unha mellor actitude da veciñanza en prol do coidado do medio ambiente, e fomentar a implicación social en cuestións ambientais". Ademais, o Departamento de Medio Ambiente ten previsto mellorar a sinaléctica, para facilitar o acceso ao centro. Xa a medio prazo, Xan Duro explicou que a súa intención é "elaborar un plan integral para o CIAC, que o poña en valor e aproveite mellor as súas potencialidades".

Programa de actividades
Feitoría Verde elaborou un programa de actividades para 2016 baseándose na experiencia dos dous últimos anos, nos que a cooperativa estivo xa á fronte do Centro de Interpretación Ambiental de Belvís. Segundo explicou Paula Lubián, recolléronse e melloráronse as propostas que máis éxito tiveron no pasado, e tamén se incorporaron outras, atendendo ás demandas que se foron recollendo dos visitantes.

O programa mantén actividades permanentes como as visitas guiadas á exposición do CIAC, instalada en sete salas nas que se fala de diferentes aspectos relacionados coa ecoloxía urbana de Compostela. As visitas estarán adaptadas aos distintos tipos de público, e poderanse facer no horario de apertura do centro ou fóra del, previa reserva. Tamén se poden realizar visitas libres, dentro do horario establecido. En inverno, de outubro a xuño, o Centro de Interpretación Ambiental de Belvís estará aberto sábados, domingos e festivos de 10:30 a 14:00, e de 16:30 a 19:00 horas. No verán, o CIAC abrirá de martes a venres de 17:00 a 19:00, e os sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas.

Ademais, vanse realizar roteiros ambientais os últimos sábados de cada mes, por espazos como o propio parque de Belvís ou as Brañas de Sar, e celebraranse con carácter mensual obradoiros e actividades prácticas relacionadas con cuestións ambientais.

Feitoría Verde tamén propón actividades puntuais, como ciclos de cinema ambiental, préstamo de libros, eventos especiais en efemérides como o Día das Árbores ou o Día da Auga ou xornadas de divulgación ambiental. Paula Lubián explicou que tamén se van celebrar actividades específicas para os centros escolares, con xornadas de portas abertas e programas de educación ambiental. Ademais, apostou por "reforzar a colaboración con outras entidades ambientais de Santiago e de fóra de Santiago, e con entidades sociais que queiran celebrar calquera actividade relacionada co medio ambiente".

O plan de acción para o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela terá un custo de 25.560 euros, IVE incluído.

Compartir: