ACCIÓN CULTURAL

A Cabalgata de Reis 2016 será máis participativa que nunca e estará dedicada á música infantil galega

16/12/2015 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou a Cabalgata de Reis 2016, que este ano será "máis democrática, participativa e popular". Os nenos e nenas de Santiago poderán participar no percorrido como paxes, como integrantes do tren ou como parte da animación que acompañará a varias carrozas. Ademais, a deste ano será unha cabalgata temática, dedicada á música infantil galega.

Segundo explicou Branca Novoneyra, esta cabalgata temática terá un valor engadido, por canto recoñecerá o labor e contribución da música infantil galega "na dinamización lingüística e na formación e educación do novo público dentro do espazo cultural galego". "Este ano os Reis Magos chegarán con moi bo ritmo á cidade, onde se acompañarán dos propios músicos e artistas para facer neste 2016 a gran cabalgata dos sons dos máis miúdos", indicou.

O protagonismo da música non rematará coa súa presenza durante todo percorrido nas carrozas, senón que, ao chegar a comitiva ao Obradoiro, programouse na praza un gran festival infantil galego no que actuarán María Fumaça, Paco Nogueiras, Magín Blanco coa Nena e o Grilo, Pablo Díaz, Xoán Curiel e Mamá Cabra. Presentarán o espectáculo os coñecidos actores Pepablo Patinho e Montse Piñón, de Teatro dos Ghazafelhos. En representación destes artistas acompañaron á edil na rolda de prensa Paco Nogueiras, Gloria Mosquera, de Mamá Cabra, e Pablo Díaz. Xunto a todos eles estivo a responsable de Festas, Montse Cillero.

Obradoiros de animación
Branca Novoneyra lembrou que segue aberto o prazo para anotarse nalgunha das modalidades de participación na cabalgata. Unha delas é a través dos centros socioculturais, que serán parte activa na mesma. Así, a través de obradoiros previos en cinco locais prepararase a animación que acompañará as carrozas.

No CSC das Fontiñas, o sábado 26 de decembro, de 12:00 a 14:00 horas, impartirase un obradoiro de animación para acompañar a Paco Nogueiras durante a cabalgata. O martes 29 e o mércores 30, de 18:00 a 19:30 horas, será a vez dos que queiran construír os faroliños con bimbios e reloxos que irán coa carroza de Pablo Díaz.

En Santa Marta haberá un obradoiro con Teatro dos Ghazafelhos e A Nena e o Grilo (martes 29, de 18:00 a 20:00 horas) e, en Vite, un taller con Xandobela para ensaiar o acompañamento da carroza María Fumaça (mércores 20 de decembro, de 18:00 a 20:00 horas). O último dos obradoiros previstos realizarase no CSC do Castiñeiriño a fin de preparar a animación de "A fábrica de música", cos Quinquilláns (sábado 2 de xaneiro, de 12:00 a 14:00 horas).

Nos catro primeiros grupos de animación, os nenos e nenas deberán ser maiores de 5 anos e ir acompañados por un adulto. No caso de ser maiores de 12 anos, se desexan ir sós deben ter unha autorización. Na animación da carroza dos Quinquilláns poderán participar adultos e rapaces maiores de 8 anos (de 8 a 12 anos deberán ir acompañados). Compre lembrar que, en todos os casos, se trata de animación que acompañará ás carrozas, non irán subidos nelas.

Paxes reais
Outra forma de participar é o sorteo das nove prazas de paxes reais, destinadas a rapaces de entre 12 e 16 anos. Para entrar neste sorteo basta con poñer un post no Facebook Santiago SocioCultural, co comentario "Quero participar na cabalgata". Ademais, os nenos e nenas tamén se poderán inscribir directamente no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, deixando o nome e número de teléfono, ou enviando un correo electrónico á dirección compostelasociocultural@gmail.com.

O día 22 de decembro, ás 12:00 horas, farase un sorteo no CSC do Ensanche para anunciar quen serán os e as paxes da Cabalgata de Reis de Santiago.

Tren
A terceira alternativa para ser parte activa da cabalgata e como unha das 120 persoas que irán no tren que percorrerá as rúas de Santiago ese 5 de xaneiro. Neste caso, os interesados deben inscribirse no CSC do Ensanche ou chamar ao teléfono 981 543 001. Este tren está aberto a todas as idades, pero os menores de 12 anos deberán ir acompañados. Os maiores desa idade terán que levar autorización asinada.

Desexos
Finalmente, a concelleira quixo lembrar que este ano, na Cabalgata de Reis non só se repartirán caramelos, senón tamén bos desexos. Así, nos centros socioculturais de Conxo, Vite, Fontiñas, Santa Marta, A Trisca e algún máis hai unhas tarxetas para poder escribir desexos que logo se repartirán entre a xente durante a cabalgata.

Direcciones relacionadas



Compartir: