CONVIVENCIA

Continúan os traballos para lograr a comarcalización do servizo de bombeiros

14/12/2015 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia presidiu hoxe unha nova xuntanza para analizar a marcha do proceso de comarcalización do servizo de bombeiros. Xan Duro deulle conta dos avances ao alcalde de Teo, Rafael Sisto, e ao concelleiro de Cultura, Xuventude e Voluntariado, Emprego e Formación de Vedra, Enrique Vázquez. Á xuntanza non puideron asistir os representantes dos concellos de Ames, Boqueixón e Val do Dubra, malia a que seguen interesados no proxecto.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou os detalles das xuntanzas que mantivo nas últimas semanas coa Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta e cos responsables do Consorcio de Bombeiros da Deputación da Coruña, que "amosaron a súa disposición a colaborar no proceso, pero cedéndolle o liderado aos concellos implicados". Ademais, falouse da necesidade de que os concelleiros implicados "asinen un protocolo ou unha declaración de intencións que oficialice este procedemento"-

Xan Duro insistiu en que as maiores dificultades no procedemento teñen que ver co incremento do persoal, porque "o parque de bombeiros de Compostela conta actualmente con 55 efectivos, e nunha primeira estimación crese que para atender toda a comarca serían precisos uns 90". Nesa liña, o alcalde de Teo, Rafael Sisto, lembrou que só hai dúas alternativas: "a creación dun ente supramunicipal que asuma ese persoal a maiores, ou que o fagan os diferentes os concellos". En calquera caso, os distintos municipios terían que asumir a súa parte correspondente dos custos que supoña a creación dun servizo comarcal.

En canto aos prazos, Xan Duro explicou que o ano 2016 dedicarase "á organización e a análise dos orzamentos do servizo comarcalizado, e a partir de 2017 empezaría un proceso de implantación, que en todo caso será progresivo".

Compartir: