EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Intensa fin de semana de actuacións da Escola Municipal de Música de Santiago

12/12/2015 Nas xornadas de venres e sábado, a Escola Municipal de Música (EMM) sumouse ás actividades do Nadal con varios concertos especiais no Teatro Principal (venres) e no Centro Comercial As Cancelas (sábado). Para completar a programación de Nadal, a Escola colaborará coa Banda Municipal de Música no Concerto de Reis, que se celebrará o domingo 3 de xaneiro ás 12:30 horas.

O venres, o Teatro Principal acolleu o tradicional Festival de Nadal da EMM, unha das primeiras actividades que se recollen no programa de actividades das festas navideñas preparado polo Concello de Santiago. As familias tiveron ocasión de coñecer o traballo das diferentes agrupacións musicais da Escola, dirixidas polos seus directores: a Bandiña (director, Fernando Rey); a Orquestriña e a Orquestra de Corda (director, Mario Diz); o Conxunto Tradicional e o Combo de Música Moderna (director, Pablo Pascual). Máis dunha hora de actuacións que amosaron a progresión do alumnado da EMM –arredor de 100 músicos no escenario- interpretando partituras de diferentes estilos musicais.

Esa mesma tarde, os profesores da EMM Guillermo Alzugaray e Mario Diz participaron na inauguración dun Encontro da Rede de Alcaldes pola Paz e das xornadas Cultura de Paz, Seguridade e Desarmamento, organizadas polo Seminario Galego de Educación para a Paz. No acto participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; a vicerreitora de Cultura da USC, Dolores Álvarez; a presidenta do SGEP, Inmaculada Rúa, e os alcaldes de Granollers, Josep Mayoral, e Rivas Vaciamadrid, Pedro del Cura, así como representantes de AIPAZ e de diferentes centros de investigación pola paz. Ao inicio interpretaron a peza musical Río Sena, de Astor Piazzolla, en homenaxe ás vítimas dos atentados perpetrados en París.

Xa o sábado tivo lugar unha nova actuación de agrupacións da EMM; neste caso, na planta terceira do Centro Comercial As Cancelas, cunha asistencia masiva de público. Os encargados de interpretar diferentes pezas foron a Banda, co seu director á fronte, Oscar Fernández, e os Coros Infantil e de Adultos, coas súas directoras, Olaia Novo e Simona Kantcheva. Un Canto de berce, de Antonio Rodríguez, e Vois sur ton chemin, recoñecida canción popularizada polo filme Os nenos do coro, foron as pezas coas que o Coro Infantil deleitou aos asistentes. A interpretación de Lela polo Coro de Adultos da EMM permitiu recoñecer a progresión e o traballo desta agrupación.

Concerto de Reis
Non remata aquí a colaboración e a presenza da EMM de Santiago no programa de Nadal 2015, xa que o domingo 3 de xaneiro, ás 12:30 horas, os coros infantís participarán no Concerto de Reis que ofrecerá a Banda Municipal de Música de Santiago. Dende a Escola agradecen o convite e o apoio do seu director, Juan Miguel Romero Llopis, polas sesión de dirección impartidas á Banda da EMM.

O alcalde de Santiago e o concelleiro de Educación e Cidadanía tiveron ocasión de expresarlle á comunidade educativa da Escola Municipal de Música o desexo dunhas merecidas vacacións de Nadal e de éxito no traballo nos próximos meses, resultado da estreita colaboración da dirección e do claustro de profesores da EMM e o Departamento de Educación e Cidadanía.

Compartir: