PLENO

O Pleno autoriza a dotación de novos vehículos para a Policía Local

07/12/2015 O Pleno da corporación municipal autorizou este luns por unanimidade a dotación de nove novos vehículos para a Policía Local, a través do sistema de renting. A proposta da Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia tivo que ser sometida ao ditame da Corporación municipal porque o regulamento así o sinala cando un pagamento se vai facer en máis de catro anualidades.

Despois do visto bo do Pleno, o departamento que dirixe Xan Duro poderá renovar o parque móbil da Policía Local con oito monovolumes e un todoterreo, que substituirán a vehículos que teñen, nalgún caso, 17 anos de antigüidade e case 400.000 quilómetros de uso. O prego para o subministro dos vehículos contempla unha anualización do gasto en cinco exercicios orzamentarios. No de 2016 (desde febreiro), o gasto será de 115.600,15 euros; nas de 2017, 2018 e 2019, o Concello terá que abonar 126.100,15 euros; e na anualidade de 2020 (só un mes), o gasto será de 10.500 euros.

Aposta polo turismo inclusivo
Tamén por unanimidade, a Corporación deulle luz verde a unha proposición do grupo socialista, relativa á elaboración dun Plan de Acción de Turismo Inclusivo. Os catro grupos municipais coincidiron en que Compostela debe ser unha cidade accesible para todos os turistas, con independencia de que teñan ou non problemas de mobilidade. Nesa liña, tamén foi aprobada por unanimidade unha proposición do BNG, na que pedía a instalación e adecuación de marquesiñas para favorecer a accesibilidade do transporte público.

Cos votos a favor de Compostela Aberta, PP e PSOE, no Pleno ordinario de decembro tamén foi aprobada unha proposición dos socialistas relativa á convocatoria da constitución da Comisión de Condecoracións, unha medida que xa estaba anunciada polo concelleiro responsable, Manuel Dios. O edil lembrou a importancia de actualizar a ordenanza que regula esas distincións, que data dos anos 60 e que incumpre a Lei da Memoria Histórica. Neste punto, o BNG abstívose.

Declaracións institucionais
No Pleno tamén foron aprobadas dúas declaracións institucionais, a proposta de Compostela Aberta. Na primeira delas, en solidariedade con todas as vítimas dos atentados de París, a Corporación municipal expresa o seu "rexeitamento ante calquera acto terrorista e inxerencia bélica levado a cabo en calquera lugar do mundo", e amosa a súa solidariedade coas vítimas, as súas familias e a veciñanza das cidades afectadas. Ademais, a Corporación "insta ás autoridades internacionais e medios de comunicación a expresaren igual tratamento informativo, de comprensión e de solidariedade cara a aquelas vítimas de recentes atentados terroristas acaecidos en países do norte e do sur".

Na segunda declaración institucional aprobada este luns, a Corporación declara "o apoio unánime e solidario do Concello de Santiago ás vítimas da Talidomina en España, e en particular á asociación AVITE", pola débeda histórica cos afectados e os seus familiares dende hai 60 anos. Ademais, ínstase á farmacéutica alemá Grütenthal a indemnizar aos afectados españois, e ao presidente do Goberno de España a concederlles pensións vitalicias como as que están percibindo os afectados doutras partes do mundo.

Cambio de día dos plenos
Por urxencia introduciuse na orde do día o cambio de data das sesións ordinarias do pleno. A partir de xaneiro de 2016, pasarán a celebrarse os terceiros xoves de cada mes, en vez dos primeiros luns de mes, como acontecía ata agora. No caso de que ese terceiro xoves sexa festivo, o pleno celebraríase ao xoves seguinte.

Outras proposicións
Tamén recibiu o visto bo plenario e por unanimidade unha proposición do BNG sobre a instalación e adecuación de marquesiñas para favorecer o uso e a accesibilidade do transporte público. Ademais, ratificouse unha proposición do grupo municipal popular relativa á solicitude de declaración da Semana Santa en Santiago como festa de interese turístico de Galicia. Esta petición tivo tamén os votos do PSdeG-PSOE, a abstención de CA e o voto en contra do BNG. Tamén do PP partiu unha demanda de adquisición de postes electrónicos con cargo ao orzamento para o ano 2016, co voto favorable dos propoñentes e dos grupos socialista e nacionalista. CA abstívose.

O capítulo de proposicións aprobadas completouse cunha do PSdeG-PSOE sobre a posta en marcha dunha rede de centros de día, apoiada tamén polo PP. CA e BNG votaron en contra por considerar que esta é unha competencia autonómica, se ben insistiron na necesidade de dotar á cidade deste tipo de equipamentos.

Compartir: