CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia acompaña esta semana ao coro de nenos da Catedral, que porá voz a obras de Nadal tan populares coma "O Crebanoces", de Chaikovski

07/12/2015 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos no Auditorio de Galicia. O primeiro será este xoves, 10 de novembro, ás 21:00 horas. O venres, ás 18:30 horas, parte do concerto repetirase para o público máis novo e para as familias, no marco do ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. Neste caso, as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos. En ambas as actuacións levará a batuta o director titular e artístico da agrupación, o mestre Paul Daniel.

Os dous concertos comezarán con A variña máxica da xuventude. Suite nº 2, do compositor inglés Edward Elgar (1857-1934). Cando era un raparigo, Elgar compuxo varias melodías para unha obra escenificada polos novos membros da súa familia. Anotounas nun bloc de debuxo e catro décadas máis tarde baseou as dúas suites que compoñen esta obra naqueles esbozos.

A bela e a besta
Estas citas musicais continuarán co Dueto concertino para clarinete, fagot, arpa e orquestra de corda de Richard Strauss (1864-1949). Cumpridos os seus 80 anos e cando a súa saúde e recursos caeron todo o máis baixo, en plena Segunda Guerra Mundial, o compositor alemán escribiu esta obra, coa que describiría a popular fábula A bela e a besta. Mentres o clarinete, que nesta ocasión tocará a clarinetista principal da orquestra, Beatriz López, representa á bela; o fagot, que tocará o fagotista coprincipal da RFG, Manuel Veiga, identifica á besta.

Escolanía da Catedral
A segunda parte dos concertos arrincará coa estrea en España de On Christmas Night: Marley´s Ghost, do compositor británico Ralph Vaughan Williams (1872-1958). Logo, a orquestra achegará ao público Ave María, do español Francisco Ibáñez Irribarria (1951), escrita para coro de nenos. Seguiralle a canción popular galega "Vinde picariñas", orquestrada polo mestre Antoni Ros Marbà, e unha selección de fragmentos do primeiro acto de O Crebanoces, de Chaikovski (1840-1893).

En todas estas obras a orquestra acompañará á Escolanía da Catedral de Santiago "Anxos de Compostela", dirixida por José Luis Vázquez. Refundada no ano 2008, é un dos coros con máis historia da cidade compostelá. Ademais das súas actuacións regulares en actos litúrxicos dentro da Catedral, actuou en acontecementos tan relevantes como a visita do Papa Bieito XVI (coa Real Filharmonía de Galicia), en certames internacionais, en varios concertos benéficos a favor de Mans Unidas e por toda Galicia. En 2014, coincidindo co seu 5º aniversario, gravou o seu primeiro disco, Á porta do paraíso, no que se reflicte o traballo realizado na súa traxectoria. O coro está integrado por uns 25 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos.

Charla previa co director e cos solistas da RFG
Antes da celebración do concerto de abono do xoves pola noite, o director Paul Daniel, a clarinetista Beatriz López e o fagotista Manuel Veiga manterán unha charla previa cos asistentes á cita musical. Será ás 20:15 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: