CONSORCIO

O Consorcio de Santiago comeza as obras no beirado da fachada do convento de San Paio

07/12/2015 O Consorcio de Santiago comezou as obras no beirado da fachada do convento de San Paio de Antealtares, co fin de eliminar as humidades no interior do inmoble e as pingueiras na rúa. Os traballos, que se van executar no prazo de tres meses, teñen un orzamento global de 18.059,17 euros.

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto é Idoia Camiruaga. Explica que a finalidade é mellorar o sistema de saída das augas pluviais para solucionar os problemas de humidades que se producen no interior do edificio e as molladuras na rúa debido ao estado de conservación dos faldróns que dan á rúa de San Paio de Antealtares.

A arquitecta indica que nesta parte do mosteiro realizáronse obras entre os anos 2006 e 2009, consistentes principalmente na restauración da fachada. Neste período recuperouse ademais a cornixa orixinal do edificio, que estaba cuberta por tella, de xeito que se puxeron en funcionamento as gárgolas orixinais e o canlón de recollida da choiva. As gárgolas da última parte desta ala do mosteiro, feitas nun momento posterior, son ornamentais, polo que non valen para desaugar a choiva. Por este motivo fixéronse dúas gárgolas de zinc e aceiro inoxidable, de cara a evitar a acumulación de pluviais.

Molleiras en veciños e comerciantes
Tras a modificación do beirado deste faldrón do tellado, as novas gárgolas de zinc e aceiro inoxidable dirixen a auga da choiva de xeito perpendicular á fachada. Nesta parte da rúa hai edificios con uso tanto de vivenda como locais comerciais nos baixos. E a auga da choiva dificulta, con moita frecuencia, o acceso tanto aos portais como aos locais situados fronte ás gárgolas.

Humidades
Por outro lado, os traballos previos realizados nesta ala do edificio centráronse sobre todo no paramento de pedra da fachada e na recuperación da canle de recollida de auga da choiva, pero non nos propios faldróns, na tella e nos encontros cos elementos sobresaíntes como os floróns e as chemineas das antigas celas das monxas. A cuberta ten a tella colocada con morteiro de cemento sobre pranchas de fibrocemento. Maila que a comunidade de monxas mantén a cuberta no mellor estado posible, a tella é moi vella e os encontros con eses elementos, de chumbo nalgún caso e de tea asfáltica noutros, están xa rachados ou mal reparados.

Como consecuencia, hai humidades no interior do edificio, na zona habitada tanto pola comunidade como nos corredores e habitacións da residencia de estudantes. Ao mesmo tempo, a auga que escapa do tellado pode mollar igualmente os muros polo interior. Polo tanto, cómpre reparar estas humidades para non causar danos maiores.

A intervención
Co fin de atallar estes problemas, realizarase un percorrido da cuberta, coa reposición da tella que se atope en peor estado. Substituirase o material da cuberta que non se poida recuperar, prevendo a colocación dalgunhas novas pranchas de fibrocemento baixo a tella. Ademais, revisarase a canle oculta de zinc, que recolle a auga da choiva desta cuberta, con previsión de renovar algún pequeno tramo. E modificaranse as gárgolas existentes para evitar as molladuras aos veciños dos edificios situados fronte a elas.

Compartir: