TURISMO

O Mercado da Estrela amplía a súa oferta e celebra esta fin de semana a súa 4ª edición

07/12/2015 Chega a cuarta edición do Mercado da Estrela, o festival do talento galego que se celebrará este sábado 12 e domingo 13 no Museo do Pobo Galego, a Zona C, a Praza 8 de Marzo e a Cantina Gourmet. Amosará un atractivo abano de agasallos de Nadal pertencentes a medio centenar de marcas galegas, unha variada programación lúdico-cultural de balde para todas as idades, e unha ampla oferta gastronómica nos seus dous espazos de restauración.

O Mercado da Estrela, encontro de referencia do talento galego, celébrase por cuarto ano consecutivo cunha edición única en Santiago de Compostela. O Mercado amplía a súa oferta esta edición con varias novidades, e suma a Feira Creativa e de Emprendemento, que se desenvolverá no Claustro do Museo do Pobo Galego, e a tradicional carpa de restauración e música, a sala Zona C como espazo solidario, para obradoiros creativos e gardería-ludoteca, e a praza 8 de Marzo para foodtrucks, realización de obradoiros de horta urbana e sesións DJ da man de Isaac Torgal e DJ Tristón. Así o deron a coñecer en rolda de prensa, no Pazo de Raxoi, a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e as codirectoras do Mercado da Estrela, Elena E. Sánchez e Mónica Mejías, da empresa Correveydile.

Talento galego
Concibido coma un auténtico festival lúdico-cultural para a visibilización dos novos creadores e emprendedores de Galicia, e con tres exitosas edicións ás súas costas, o Mercado da Estrela continúa este Nadal co seu lema "Agasalla talento galego", fiel á intención de que apostemos por produtos galegos nos agasallos para as festas. Unha proposta integradora de cultura, artesanía, sostibilidade, restauración, solidariedade, creatividade, ocio, compras e novas tendencias que reunirá a creadores, artistas, artesáns, produtores e emprendedores chegados dende toda Galicia para dar a coñecer as súas pezas e produtos nas datas previas ao Nadal.

Innovadores mobles e obxectos de cociña e decoración, deseño, serigrafía e produtos ilustrados, moda, xoiería e complementos, delicadas pezas realizadas a partir de madeira, cerámica, papel e materiais reciclados, vaqueiros, roupa infantil e xoguetes ecolóxicos, plantas, xabóns, licores, embutidos, doces, cervexas e marmeladas artesanais, e centos de produtos con encanto cos que apoiar o entusiasmo, o talento, e a produción local, e sorprender nas festas cos agasallos máis auténticos e orixinais.

Propostas lúdicas
O Mercado da Estrela contará novamente con algunhas das bandas máis relucentes do novo panorama do pop, o folk, e a electrónica galega tocando en directo na Cantina Gourmet. Músculo!, Sen Senra, Helen & Shanna, Chicharrón, Ukestra do Medio e Nano Vinilo DJ actuarán na carpa de restauración e música, onde ademais se poderá almorzar, comer, merendar e cear a base de chocolate quente e cervexas artesás, comida xaponesa, sándwiches, hamburguesas e arepas, queixos, doces e xeados artesáns, e outras tentadoras e apetecibles propostas.

O horario do Mercado da Estrela será de 11:00 a 20:00 horas no Museo do Pobo Galego, e de 11:00 a 15:00 e de 16:00 a 20:00 horas na sala Zona C. Na Cantina Gourmet, carpa ubicada no corredor que conduce a Bonaval, o horario prolongarase ata as 24:00 horas o sábado, e ata as 22:00 horas o domingo, e na praza 8 de Marzo o horario desenvolverase entre as 11:00 e as 22:00 horas, tanto o sábado coma o domingo.

O Mercado da Estrela é unha iniciativa da empresa Correveydile que conta co patrocinio de Turismo de Santiago e Gadis, e que está realizada grazas á colaboración do Concello de Santiago de Compostela, o Museo do Pobo Galego, o IGAPE e Cafés Candelas.

Direcciones relacionadas



Compartir: