CAMIÑO DE SANTIAGO

A Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño visita o Concello

05/12/2015 A Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago foi recibida esta mañá no Pazo de Raxoi, nun acto que estivo presidido polo segundo tenente de alcalde e concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte. A directiva e outros membros da entidade están de visita en Compostela para facer entrega, no Hostal dos Reis Católicos, dos II Premios Trifinium, que a FEAACS convoca con carácter trienal.

No acto, Jorge Duarte expresoulle o agradecemento do Concello ás distintas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, polo seu labor "na divulgación e coidado das distintas rutas xacobeas, e tamén por encargarse de lembrarlles ás administracións as súas obrigas co Camiño de Santiago". O concelleiro recoñeceu que "existe unha débeda co Camiño, especialmente coas rutas que son máis descoñecidas que o Camiño Francés".

Premios Trifinium
A Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, presidida por Ángeles Fernández, celebrou en Compostela o seu encontro anual e o acto de entrega dos Premios Trifinium. Os galardóns concédense en tres categorías. A primeira, en recoñecemento a unha vida, foi, a título póstumo, para José María Alonso Marroquín, que foi cura e hospitaleiro en San Juan de Ortega. Na categoría de obras, o premio foi para o Cabido Catedralicio de Santiago, como garante da sepultura do Apóstolo. Por último, o Premio Trifinium a un programa de actuación foi para os Hospitaleiros Voluntarios da Federación, que cumpren 25 anos.

Compartir: