POLÍTICAS SOCIAIS

Cen alumnos e alumnas do IES Antón Fraguas participan nunha charla sobre a experiencia vital dun recluso

02/12/2015 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, participou esta mañá dunha charla-coloquio organizada pola coordinadora do barrio das Fontiñas e o Departamento de Políticas Sociais do Concello. Neste coloquio achegouse a 100 mozos e mozas a situación de dous presos do cárcere do Pereiro de Aguiar, en Ourense, que participan das actividades de inserción sociolaboral promovidas por esta asociación.

Concha Fernández apelou "á responsabilidade de cada un para que sexamos capaces de tomar decisións en cada momento, decisións que non son irreversibles. Os camiños poden mudarse, mais é imprescindible o apoio da comunidade, das institucións e contar con recursos sociosanitarios, escolas e servizos sociais". A concelleira asegurou que "sempre se está a tempo de mudar determinadas decisións e recuperar o proxecto persoal e a participación na comunidade". A charla tiña dous eixos fundamentais: por unha banda, a importancia da prevención, por exemplo, de comportamentos que puidesen levar á drogadicción e, por outra, a reinserción sociolaboral.

No coloquio, Concha Fernández estivo acompañada polo vicedirector do IES As Fontiñas, que recalcou a importancia de integrar a escola co traballo das entidades da comunidade. Tamén tomou a palabra a responsable da Asociación para a prevención e a exclusión social, que valorou moi positivamente o traballo do voluntariado para mudar a percepción que a sociedade ten das persoas presas e para recuperar a conexión destas persoas coa sociedade de cara a súa inserción sociolaboral.

O alumnado participante destas xornadas valorou moi positivamente a actividade pola fluidez da conversa.

Compartir: