PLENO

Aprobado por unanimidade un expediente de modificación de crédito para pagar facturas pendentes da pasada lexislatura

02/12/2015 O Pleno da Corporación aprobou esta tarde, nunha sesión extraordinaria, un expediente de modificación de crédito por un importe de 653.157,67 euros. A proposta saíu adiante por unanimidade dos catro grupos municipais.

A concelleira de Facenda, María Rozas, xustificou a tramitación deste expediente de modificación de crédito na necesidade de facerlle fronte a unha serie de gastos que legalmente non podían ser abonados doutro xeito, e que se corresponden na súa totalidade á pasada lexislatura.

Por unha parte, sinalou a edil, o Goberno local viuse na necesidade de habilitar crédito para pagar facturas que non tiñan partida orzamentaria, por un importe total de 95.522,64 euros. Trátase, en concreto, de 38 facturas de marzo e abril de 2015, por importes que oscilan entre os 400 e os 3.000 euros, e na súa maioría por obras de mantemento da vía pública. Do mesmo xeito, o expediente de modificación de crédito permitirá pagar unha serie de facturas de agosto e decembro de 2014, que suman 88.340 euros, e que se corresponden coa instalación de áreas de xogos infantís na praza de Galicia e en Verdía, obras de asfaltado entre Lavacolla e Mourentán, subministro e instalación de sensores de tráfico en Conxo, e actuacións de abastecemento de auga na Peregrina.

Por outra parte, María Rozas explicou no pleno que o expediente permitirá habilitar crédito para proxectos que foran orzamentados de maneira deficiente nas contas municipais de 2015. É o caso de distintas actuacións do programa Urbana Santiago Norte, para as que non se contemplara no presuposto o 10% adicional en concepto de certificación final de contratos de obras, e para as que agora se habilitan 266.513,46 euros. O Goberno anterior tampouco preveu ese 10% adicional nos orzamentos do SUNP-11 do Castiñeiriño, e no expediente de modificación de crédito resérvanse para este proxecto 203.581,23 euros.

Proposta aprobada por unanimidade
A proposta do Goberno saiu adiante por unanimidade. PSOE e BNG coincidiron en que "os traballos feitos hai que pagalos, máis alá dos erros que se puideran cometer na súa tramitación". Ademais, recoñeceron que, de non facelo "o Concello incurriría nunha situación de enriquecemento indebido". Tamén o Partido Popular votou a favor, sinalando que "xa que os gastos os fixo o PP, por responsabilidade ten que apoiar a proposta".

Compartir: