CONVIVENCIA

Goberno local e Bombeiros reflexionan sobre a posible comarcalización do servizo

02/12/2015 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia mantivo esta mañá unha xuntanza co Comité de Empresa dos Bombeiros e co xefe do Corpo, Xesús Martínez. Foi un máis dos encontros que Xan Duro vén mantendo co colectivo, co obxectivo de analizar a posibilidade de prestar un servizo de emerxencias de carácter intermunicipal.

O edil reuniuse cos representantes dos Bombeiros despois de ter abordado este proxecto con responsables da Deputación da Coruña, e tamén coa Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta. Xan Duro asegura que "hai boa disposición das administracións implicadas, pero tamén problemas que teñen que ver coa dispoñibilidade orzamentaria e a cobertura xurídica do servizo comarcal". En todo caso, o concelleiro de Convivencia amósase optimista e sinala o ano 2017 como horizonte no que se poida poñer en marcha o servizo, se ben a dotación dun novo edificio e dalgún equipamento tería que esperar.

Plan Director do Corpo de Bombeiros
Na reunión desta mañá tamén se falou do Plan Director dos Bombeiros de Santiago, que está a ser perfilado a partir do borrador que redactaron os propios responsables do Corpo. Nel establécense sete liñas estratéxicas, con distintos obxectivos e accións concretas. Na xuntanza deste martes, afondouse na proposta dos Bombeiros para mellorar a súa operatividade no casco histórico compostelán. A intención do Corpo é ter catalogados os edificios da zona vella, coñecéndoos en profundidade planta por planta, para ter un plan de actuación acaído para cada un.

Compartir: