CONVIVENCIA

O Goberno municipal renovará os vehículos da Policía Local de Santiago

02/12/2015 A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia vén de poñer en marcha o procedemento necesario para renovar o parque móbil da Policía Local, coa dotación de nove novos vehículos a través do sistema de renting. A proposta irá ao pleno do próximo luns, porque así o sinala o regulamento ao tratarse dun pago que o Goberno local quere realizar en cinco anualidades.

A proposta do concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, pasa pola adquisición de nove vehículos, dos cales oito son monovolumes e outro un todoterreo. Todos eles terán as características técnicas e os equipamentos necesarios para cumprir as funcións específicas que require a Policía Local, e para garantir a seguridade dos axentes.

O prego para o subministro dos vehículos contempla unha anualización do gasto en cinco exercicios orzamentarios. Na de 2016 (dende febreiro), o gasto será de 115.600,15 euros, nas de 2017, 2018 e 2019, o Concello terá que abonar 126.100,15 euros; e na anualidade de 2020 (só un mes), o gasto será de 10.500 euros.

Vehículos vellos e con moito uso
Xan Duro explicou que a renovación do parque móbil da Policía Local é urxente, tendo en conta as características dos vehículos que están a utilizar na actualidade. De feito, sinalou, "o Goberno anterior intentou poñer en marcha o procedemento, pero foi paralizado porque se pretendía utilizar unha figura que non existe, a do leasing con dereito a compra".

Na actualidade, a Policía Local dispón de 25 vehículos. Deles, oito están matriculados en 1998 e achéganse aos 400.000 quilómetros de uso. Outros oito son do ano 2004, e catro coches son de 2010. Ademais, a Policía Local utiliza catro vehículos camuflados, matriculados entre os anos 1997 e 2005, e que nalgún caso superan os 300.000 quilómetros. Ademais, o concelleiro puxo o acento no tipo de uso que se lle dá a estes coches, continuamente circulando e pasando pola man de varios condutores distintos cada día, o que fai que o seu desgaste sexa maior que nos vehículos privados.

Seguridade na avenida de Lugo e no viario Clara Campoamor
Na rolda de prensa na que deu conta do procedemento para renovar o parque móbil da Policía Local, o concelleiro de Medio Ambiente e Mobilidade foi preguntado polas queixas veciñais por mor da alta velocidade á que circulan os vehículos pola avenida de Lugo e o viario Clara Campoamor. Xan Duro fixo, en primeiro lugar, un chamamento á responsabilidade dos condutores, aos que lles lembrou os límites de velocidade que existen nas dúas vías.

En canto á avenida de Lugo, o concelleiro sinalou que o problema responde a que o viario ten "un tratamento de estrada, e os condutores esquecen que é unha vía urbana". Xan Duro recoñeceu que o Goberno local non descarta a posibilidade de instalar un radar fixo neste punto, visto o éxito desta medida no túnel do Hórreo, onde se reduciron sensiblemente as infraccións. Iso si, o edil insistiu en que non hai ningunha decisión tomada, e advertiu que dependerá tamén da dispoñibilidade orzamentaria.

En canto ao viario Clara Campoamor, o edil de Convivencia sinalou que está en estudo a mellora da sinalización e a posibilidade de incorporar biondas.

Compartir: