TURISMO

O concurso Santiago(é)tapas superou as 31.000 tapas consumidas

02/12/2015 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e os presidentes da Asociación Hostalería Compostela, Sara Santos e José Antonio Riveiro, valoraron moi positivamente os resultados da oitava edición de Santiago(é)tapas, que por primeira vez se organizou de maneira conxunta entre Turismo de Santiago e a Asociación. Na rolda tamén participou Javier Míguez, un dos organizadores do Camiño das Burbullas. Ruta dos Escumosos Galegos, nova proposta para estas datas de Nadal.

A oitava edición do concurso finalizou con máis de 31.000 tapas consumidas nos 69 locais participantes, que ofertaron un total de 109 creacións distintas, todas a un prezo fixo de dous euros. Trátase dunha cifra similar á do ano pasado. Santiago(é)tapas achégase así ao cuarto de millón de tapas vendidas nas oito edicións que se teñen celebrado ata o momento. Estas cifras amosan as posibilidades do concurso non só para a promoción da cidade, senón tamén como evento dinamizador do consumo para os locais.

Unha das novidades importantes da edición deste ano foron as iniciativas conxuntas de promoción de Santiago(é)tapas e Cineuropa, destacando unha innovadora presentación de ambos eventos que se fixo nun Alvia en Madrid, coa colaboración de Renfe. Para consolidar esta promoción, entre Turismo de Santiago e Hostalería Compostela, decidiuse fixar definitivamente a celebración do concurso en novembro para evitar os cambios de datas que houbo nas edicións anteriores.

Outra das novidades importantes, dentro da liña de promoción da gastronomía e dos produtos galegos de calidade, foi que se fixase como un requisito imprescindible para a participación que as tapas presentadas incluísen na súa elaboración polo menos un produto pertencente a algunha das Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia.

As tapas gañadoras do concurso coñeceranse nunha gala que se celebrará o 14 de decembro no Teatro Principal. Nesta edición hai unha reformulación dos premios ás mellores tapas, dándolle maior peso á participación do público. Por primeira vez, o público decidirá os tres primeiros premios do concurso, que contan con diploma e contías de 1.000, 800 e 500 euros; o premio (é)xcelente 2015 ao mellor servizo e experiencia global, dotado con 500 euros e diploma; e o premio á "Tapa con máis chispa", creación máis simpática e orixinal, promovido por Coca Cola Iberian Partners e que ten como premio 30 caixas de produto.

Nesta edición de Santiago(é)tapas tamén hai tres galardóns ás creacións que mellor maridan con cervexa, promovidos por Estrella Galicia. O Premio do Xurado á tapa que mellor marida con cervexa está dotado con 500 euros en produto e diploma; o Primeiro e o Segundo Premio do Público á tapa que mellor marida con cervexa levarán diploma e 100 euros en produto. Santiago(é)tapas conta co patrocinio do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Cash Record e Coca Cola; e coa colaboración especial de Estrella Galicia e Turkish Airlines.

Compostela Gastronómica
A concelleira Marta Lois presentou tamén as liñas xerais de Compostela Gastronómica, edición especial Nadal, que se celebrará entre o 19 de decembro e o 5 de xaneiro. Trátase dun evento que continuará promocionado a cidade como destino gastronómico tamén na época de Nadal, cun programa aberto á participación de todos os públicos.

Compostela Gastronómica é unha iniciativa con vocación de continuidade e de converterse en plataforma e punto de referencia da cultura gastronómica galega para mostrar as posibilidades dos produtos e da restauración de Galicia, e moi especialmente os de Santiago e os seus arredores. Unha marca paraugas baixo a que se inclúen iniciativas gastronómicas de interese tanto para os turistas, como a poboación local e tamén para o sector de restauración e servizos asociados ao longo de todo o ano.

As actividades centrais de Compostela Gastronómica, edición especial Nadal, serán os obradoiros de cociña para todos os públicos, que se celebrarán na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos. Haberá dez obradoiros, con contidos que van dende unha degustación de escumosos e castañas de Galicia ata unha xornada dedicada ás receitas de Nadal de Álvaro Cunqueiro.

A Aula Gastronómica tamén acollerá nove obradoiros infantís, nos que os máis pequenos aprenderán a facer pratos sinxelos e divertidos para estas datas, como bombóns de arroz con leite, colares de castaña e chocolatada, mini tortas de Santiago ou sanandresiños comestibles. O programa pode consultarse na web do programa: compostelagastronomica.es. As inscricións poden facerse a través desta mesma páxina ou na oficina de información de Turismo de Santiago.

Camiño das Burbullas. Ruta dos Escumosos
Na rolda de prensa tamén se presentou o Camiño das Burbullas. Ruta dos Escumosos Galegos, que se celebra entre o 1 de decembro e o 5 de xaneiro en 19 locais da cidade. O evento naceu no 2013 a iniciativa dun grupo de locais co fin de promocionar os viños escumosos de Galicia. Neste Nadal 2015, dende Turismo de Santiago decidiuse apoiar esta iniciativa, incluíndoo como actividade paralela de Compostela Gastronómica, tanto para a dinamización dos locais como para a promoción da cidade como destino para o turismo enogastronómico.

Os locais participantes son: A Horta D’Obradoiro, A Casa da Viña, A Curtidoría, A Nave de Vidán, Artesana GastroBar, Bodeguilla de San Láxaro, Bodeguilla de San Roque, Bodeguilla de Santa Marta, Castelao Bar Tapería, Garum Bistró, Arco de Mazarelos, La Casa de la Marquesa, La Cavita, O Celme do Caracol, Reno, O Ferro, The Burguer Lobby, The Seafood Bar e Brasería a Grella.

En total, poderán degustarse ata 18 escumosos galegos distintos: Mar de Frades Brut Nature, Avó Marcelo, Feitizo da Noite, Eidosela Burbujas del Atlántico Brut Nature, Eidosela Burbujas del Atlántico Extra Brut, Eidosela Burbujas del Atlántico Brut, Etra Brubujas del Atlántico, Brinde de Rosas, Chris Vino Espumoso Brut, Sensem Laxas, Alba Martín, Danza, Señorío de Rubiós Condado do Tea Blanco Brut, Señoria de Rubiós Condado do Tea Brut Nature, Nande Tinto, Burbujas de Baladiña, Lua Jazz Brut Galicia e Espumoso Altos de Torona.

Direcciones relacionadas



Compartir: