ALCALDÍA

O alcalde abre unha nova xornada para a elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible 2014-2020

02/12/2015 Numerosas entidades da cidade, grupos políticos, expertos en urbanismo e asociacións déronse cita este mércores no Auditorio de Galicia para seguir artellando a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible 2014-2020.

Trátase dun proxecto participado por varios entes, mais tamén pola cidadanía compostelá, que tivo a oportunidade de cubrir un formulario-enquisa na web do Concello, que puido ser respondida por residentes, traballadores, universitarios, empresarios e turistas. Nestas enquisas incluíronse preguntas sobre as prioridades de actuación nas áreas urbanas da cidade, medio ambiente, mobilidade, turismo, patrimonio, acción social, gobernanza e emprego e foron cubertas ata o 31 de outubro.

O alcalde inaugurou esta xornada e, na súa intervención, destacou que "non estamos aquí por esixencias do guión, senón por convencemento, para construír unha reflexión sobre os diferentes eidos temáticos da cidade: o casco histórico, o Ensanche, os barrios tradicionais, as zonas de recente expansión..."

Martiño Noriega lembrou ademais que "a mobilidade é un dos retos que asume o Goberno municipal neste mandato e por iso se iniciou un pacto local pola mobilidade que tamén fai parte desta estratexia".

A xuntanza de hoxe é a continuación da mesa de traballo que e reuniu o pasado 4 de novembro, tamén na sala circular do Auditorio de Galicia, onde se trataron catro temáticas concretas: urbanismo, sociedade, economía e educación, gobernanza e marco competencial. As conclusións desta e da xornada do día de hoxe serán incorporadas á Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible.



Na xornada de hoxe falouse do obxectivo de acadar cidades sostibles enerxeticamente, nas que prime a innovación das estruturas da cidade.
Os asistentes completaron ademais as prioridades presentadas, resultado da anterior xuntanza e da enquisa cidadá e ordenáronas con 1, 2 e 3 puntos que se agregarán tamén como información na redacción desta estratexia.

Axudas europeas de ata 15 millóns de euros
A participación pública é considerada coma un elemento clave na elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible, e o éxito desta consulta será tido en conta polos responsables do Programa Feder de Crecemento Sostible 2014-2020, que lles permitirá aos concellos seguir accedendo a un importante volume de axudas europeas. Os municipios de máis de 50.000 habitantes, como é o caso de Compostela, poderán optar a subvencións de ata 15 millóns de euros.

Esta convocatoria diríxese á elaboración de estratexias integradas de desenvolvemento urbano sostible cunha visión de longo prazo, e non a actuacións ou operacións específicas. Unha vez aprobada, definiranse os proxectos concretos que serán financiados cos fondos FEDER.

O Programa de Crecemento Sostible 2014-2020, xestionado polo Ministrio de Facenda e Administracións Públicas, prevé repartir entre os concellos máis de mil millóns de euros dos fondos europeos FEDER. Esa cifra debe servir para cofinanciar estratexias de desenvolvemento urbano integrado e sostiblE.

Compartir: