FESTAS

Máis de 200 actividades conforman o programa de Nadal deste ano, con accións que chegan aos barrios e parroquias

27/11/2015 Un total de 218 actividades conforman o groso do programa de Nadal deste 2015, con accións que se proxectarán aos barrios e ás parroquias e que está pensada para todos os públicos.

A concelleira de Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, explicou esta mañá que se trata "dunha programación moi variada, moi coral, dirixida tanto a maiores como a pequenos, para a veciñanza de Santiago e tamén para a xente que nos visita, entendendo o Nadal como unha época do ano de luz e calor, tamén de reencontros para as familias".

Unha das principais novidades deste ano está na descentralización da programación, con actividades en moitos puntos da cidade e con catro focos neurálxicos: a praza do Obradoiro, a praza Roxa, o Mercado de Abastos e a zona de transición entre o casco histórico e o Ensanche que é a rúa Carreira do Conde. Ademais é o resultado do traballo coordinado de departamentos como Turismo, Mercados, Comercio, Festas, Educación, Centros Socioculturais e Medio Ambiente. As actividades atópanse divididas en varias seccións: Nadal nos mercados, nas escolas e nas casas, nos barrios, nos centros socioculturais, nas rúas e Nadal gastronómico.

Nadal nos barrios
Este ano, as actividades chegan aos barrios e ás parroquias da cidade con actividades coma o "Nadal sobre rodas", un autobús navideño dende o 5 de decembro ata o 3 de xaneiro. O bus estará no barrio das Fontiñas, no Ensanche, en Marantes, Figueiras, Sar, Conxo e o Castiñeiriño. Esta actividade estará complementada coas "Bolboretas do Nadal", dirixida tamén a dinamizar toda a cidade e que virán acompañadas por obradoiros, percusión, zancudos e moita máis animación de rúa.

Este ano contaremos con tres chocolatadas os domingos 13, 20 e 27 de decembro en tres localizacións da cidade. A primeira na praza do Obradoiro, a segunda na praza Roxa e a terceira na Carreira do Conde, unha rúa na que se incorporará unha carpa e na que se levarán a cabo distintas actividades.

"A isto súmaselle a tradicional pista de xeo que se colocará sobre o paseo central da Alameda, o mercado da Estrela e o de Nadal que se traslada á nave 5 da Praza de Abastos, unha zona que desde o goberno queremos dinamizar".

Belén na igrexa de San Fiz
Co obxectivo de dinamizar a praza de San Fiz de Solovio abrirase a Igrexa que alí se atopa, recentemente rehabilitada polo Consorcio e na que se colocará un Belén artesanal de 200 pezas que inclúe figuras de barro e lenzo pintado, todas feitas a man, con diferentes escenas e pezas en movemento. "Trátase dun edificio de alto valor patrimonial, cultural e histórico", que albergará un Belén "porque consideramos fundamental delimitar os espazos relixiosos dos espazos públicos como son as prazas".

Bosque máxico
Diversas árbores de varios tamaños comporán o bosque máxico que se instalará na praza do Obradoiro o 13 de decembro. Na Catedral proxectaranse diversas figuras e motivos navideños respondendo a unha petición do propio Arcebispado. A edila de comercio, Marta Lois, explicou que "trasladando o Belén a un sitio cuberto e con estas proxeccións virtuais estamos a garantir ademais a integridade do neno Xesús".

Iluminación especial
Este ano introdúcese unha novidade con respecto a outros anos. Iluminaranse de forma especial esculturas que forman parte da cultura da cidade de Santiago, como Maruxa e Coralia, Rosalía de Castro e a Leiteira.

Xunto a estas actividades mantéñense tamén as cartas de Nadal que os nenos e nenas compostelás poderán escribir ao personaxe que queiran e que se recollerán nos centros socioculturais.

Compartir: