POLÍTICAS SOCIAIS

O mediador intercultural Samir Sayyad dará unha charla este martes sobre a emigración na zona do Mediterráneo

23/11/2015 O Concello de Santiago, xunto coa ONG Asemblea de Cooperación pola Paz está a impulsar unha campaña de sensibilización e de integración en Compostela que busca promover os valores positivos da convivencia intercultural e combater os discursos do odio, fronte a actual crise das persoas refuxiadas.

Dentro desta campaña, que se desenvolverá nos meses de novembro e decembro, está planificada unha serie de charlas que pretenden informar á poboación compostelá das diferentes realidades das persoas refuxiadas, loitar contra os estereotipos e facilitar información de primeira man a través das persoas que viven esa realidade.

Despois da primeira charla que tivo lugar o pasado xoves e na que Reindhard Lamsfuss, activista de Amnistía Internacional, especialista en Irán y Siria, explicou na Facultade de Historia o contexto dos conflitos en Siria e Oriente Medio, este martes tócalle a vez a Samir Sayyad, mediador intercultural do Dignity I, barco de rescate que Médicos sen Fronteiras ten no Mediterráneo, e que contará como se está a vivir na zona esta crise humanitaria. Será na Facultade de Filosofía ás 19:00 horas.

Máis actividades
O vindeiro 1 de decembro, ás 19:00 horas, na Facultade de Historia, impartirase a charla que leva por nome "Situación actual do dereito de asilo e refuxio: resposta social e política á crise", coa profesora de Dereito Internacional da USC, a ONG experta en refuxio "Ecos do Sur" e un cidadán sirio que reside en Galicia e que contará a súa experiencia persoal e a da súa familia que está intentado fuxir de Siria.

O 14 de decembro, ás 18:00 horas, na Facultade de Políticas, é a vez do "Testimonio de Nadia Ghulam: refuxiada na identidade dun home", refuxiada afgana que tivo que facerse pasar polo seu irmá para sobrevivir en Afganistán e finalmente conseguir fuxir do país. Aportará a perspectiva das mulleres no proceso migratorio e nos conflitos armados.

Ademais deste ciclo de charlas, a campaña realizará obradoiros para nenos e nenas nos centros socioculturais de Fontiñas, Vite, Conxo, San Pedro e O Ensanche, nos que as persoas asistentes crearán unha obra de arte para dar a benvida as persoas que queren chegar a vivir a Galicia.
Os centros educativos tamén terán a súa actividade para reflexionar sobre os procesos migratorios, a través da compañía de teatro 100 Tolas, que lles fará participar na súa obra e meterse na pel das persoas inmigrantes.

Esta campaña estará moi presente nas rúas de Santiago estes meses a través dunha serie de imaxes de persoas inmigrantes e refuxiadas que viven en Santiago e que cederán a seu retrato e a súa historia para sensibilizar sobre esta situación.

Finalmente, tamén se levará a cabo un curso de mediación intercultural para que as persoas inmigrantes que queiran formarse para poder axudar a adaptarse ás persoas doutras culturas que cheguen a Galicia, poidan facelo con rigor, e garantan que se cumpran os seus dereitos. O curso será impartido por profesionais de Médicos do Mundo e Ecos do Sur.

Compartir: