ACCIÓN CULTURAL

"Marguerite", de Xavier Giannoli, chega este domingo ao festival Cineuropa

21/11/2015 A peor cantante de ópera da historia, Marguerite, "deleitaranos" no Teatro Principal a partir das 17:30 h. A película máis recente de Xavier Giannoli é unha atinada sátira con grande éxito de público e crítica no Festival de Venecia que segue triunfando na carteleira francesa. O director de Cineuropa, José Luis Losa, está convencido de que todos coñeceremos a Marguerite cando termine novembro.

Unha estrea máis inquietante será The Gift, debut na dirección do actor Joel Edgerton, un thriller psicolóxico sobre unha parella que se traslada a California e comeza a recibir agasallos dun misterioso remitente. Un turbador relato centrado en tres personaxes de efectiva e intelixente intriga que se proxectará ás 23:45 h no Salón Teatro. Para as 00:45 h, no Teatro Principal, está programado o pase único de Remake, Remix, Rip-Off: About copy culture & Turkish pop cinema, de Cem Kaya, un interesante documental sobre a industria do cinema turco e a súa copia plano por plano do cinema hollywoodiense durante as décadas dos 60 e 70 do século pasado.

Esta tarde tamén nos espera unha interesante cita co mellor cinema galego no Salón Teatro, onde se proxectarán de forma consecutiva, a partir das 16:00 h, A liña política, de Santos Díaz Antón; Eco, de Xacio Baño; Estratos de la imagen, de Lois Patiño; e Verengo, de Víctor Hugo Seoane.

Poderemos asistir aos segundos pases de The Duke of Burgundy, de Peter Strickland (no Teatro Principal ás 23:00 h) e Mia Madre, de Nanni Moretti (Teatro Principal ás 21:15 h); e aos últimos de El Botón de Nácar, de Patricio Guzmán (Teatro Principal ás 19:45 h); Hitchcock-Truffaut, de Kent Jones (ás 18:30 h no Salón Teatro); A Royal Night Out, de Julian Jarrold (Salón Teatro ás 20:00 h) e The Assassin, de Hou Hsiao-Hsien (Salón Teatro ás 21:45 h).

Tanto no CGAC como na sede Afundación, poderemos asistir a outras proxeccións de diferentes seccións sempre con entrada libre ata completar capacidade.

Direcciones relacionadas



Compartir: