ACCIÓN CULTURAL

O último de Nanni Moretti, Patricio Guzmán e Arturo Ripstein, este sábado en Cineuropa

20/11/2015 A programación do Teatro Principal para este sábado inclúe varias estreas de cineastas tan ilustres en Cineuropa como Patricio Guzmán, Nanni Moretti ou Arturo Ripstein. Ademais, contaremos de novo coa presenza do escritor e cineasta Ramón Lluís Bande para preentar Equí y n’otru tiempu.

Ás 18:00 h proxectarase El botón de nácar, o novo do chileno Patricio Guzmán, mellor guión en Berlín, un poético documental de belísimas e espectaculares imaxes cun obxectivo político partindo dunha pregunta: por que se atopan dous botóns no fondo do océano? Pola súa banda, Nanni Moretti ofrécenos no seu Mia Madre unha contida reflexión sobre a dor e as despedidas dos seres queridos, da nai neste caso. John Turturro ofrece o contrapunto humorístico nunha película que deixa pegada. A cita con Mia Madre será ás 19:30 h.

Pola noite, ás 21:30 h, estrearase La calle de la amargura, a película máis recente do noso premiado Arturo Ripstein, un transgresor paseo polo bulevar dos soños rotos, un exercicio de cinema libre onde prostitutas, ananos loitadores e magos conviven co desamor e a morte.

No Salón Teatro, ás 16:00 h, contaremos de novo coa presenza do polifacético Ramón Lluís Bande na proxección de Equí y n'otru tiempu e o seu coloquio posterior. A película documental propón un rexistro presente dos espazos onde foron asasinados varios membros da Agrupación Guerrilleira Asturiana durante o franquismo.

Esta xornada haberá nova oportunidade para asistir ás proxeccións de The Assassin, de Hou Hsiao-Hsien (Teatro Principal ás 23:45 h) e A Royal Night Out, de Julian Jarrold, programada ás 17:45 h no Salón Teatro. No mesmo recinto poderanse ver os últimos pases de La Academia de las Musas, de José Luis Guerín (ás 19:30 h); Das Zimmermädchen Lynn (A Camareira Lynn), de Ingo Haeb (ás 21:15 h); Sparrows, de Rúnar Rúnarsson (ás 22:45 h); e The Postman's White Nights, de Andrei Konchalovsky (ás 00:30 h).

As seccións Docs Music, Roxos e Marcianos, Especial Dominik Graf e Retrospectiva: Artur Brauner, tamén estarán representadas por varios títulos proxectados no CGAC e a sede Afundación.

Direcciones relacionadas



Compartir: