XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno acorda iniciar un procedemento negociado para adxudicar o servizo de comedores escolares

20/11/2015 Un día despois de que a Mesa de Contratación cerrara o procedemento, a Xunta de Goberno acordou hoxe deixar deserta a licitación do servizo de comedores escolares para os cursos 2015-2016 e 2016-2017. Á vista dos informes xurídicos, o Executivo local aprobou o inicio dun procedemento negociado sen publicidade para adxudicar o servizo, invitando a cando menos tres empresas a presentaren as súas ofertas. O alcalde explicou que os informes de contratación sinalan que hai que manter os pregos de condicións do concurso aberto, porque modificalos está contemplado só no caso de que ningunha empresa tivera concorrido a ese procedemento.

Martiño Noriega sinalou que o Goberno local está a manter contactos informais con algunhas empresas para explorar se estarían en condicións de optar á adxudicación, En todo caso, o rexedor lembrou que estas firmas necesitan un tempo prudencial para estudaren o prego de condicións, que descoñecen porque non se presentaron ao concurso anterior.

No acordo adoptado este venres pola Xunta de Goberno tamén se sinala que o Concello vai requirir ás empresas Cátering Perea Rojas, Villasenín e Serunión que acrediten documentalmente as razóns polas que retiraron as súas ofertas no concurso, para acreditar que non se trata dunha retirada indebida. De ser así, valoraríase a posibilidade xurídica de declarar a prohibición de que estas empresas contraten co Concello.

O alcalde insistiu en que resolver a adxudicación do servizo de comedores escolares "é a máxima prioridade para a Concellaría de Educación e para o Goberno de Compostela". Martiño Noriega fixo un chamamento á tranquilidade e insistiu en que está asegurada a prestación do servizo ata que se resolva o procedemento negociado, con todas as garantías xurídicas. O rexedor tamén lembrou que o Concello está en permanente contacto coa Federación de ANPAS de Santiago, para que as nais e pais estean informadas da marcha do procedemento.

Iluminación de Nadal
A Xunta de Goberno tamén aprobou o expediente para o arrendamento de equipos de iluminación pública de Nadal e a súa instalación nas rúas, prazos e espazos públicos do casco histórico, o Ensanche e as parroquias de Compostela. O servizo será adxudicado polo procedemento negociado sen publicidade, como vén sendo habitual, e o tipo de licitación será de 53.046,4 euros, IVE incluído. O obxectivo do Goberno local é resolver o procedemento nun prazo de cinco días.

Outros acordos da Xunta de Goberno
Na reunión deste venres, o Executivo local adxudicou á empresa Feitoría Verde o desenvolvemento do programa de actividades de educación medioambiental do Centro de Interpretación do Medio Urbano e Natural de Santiago. O contrato, que inclúe os servizos de atención ao público e visitas guiadas, ten un importe de 20.882,25 euros máis IVE. A empresa comprometeu unha mellora de 785,5 horas adicionais no servizo.

En materia de Políticas Sociais, a Xunta de Goberno aprobou o convenio coa Universidade de Santiago para desenvolver o programa "Ruptura de Parella, non de Familia" e o Programa de Mediación Familiar. O Concello achegará 25.000 euros a estas actividades. Tamén se aprobaron o convenio coa Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque (8.000 euros) e o convenio para o financiamento do Bacharelato Internacional do IES Rosalía de Castro (6.208 euros)

O Goberno local tamén aprobou distintos recoñecementos extraxudiciais de crédito. Entre eles, destacan unha factura por prestación do subministro de electricidade por máis de 155.000 euros, e outra de máis de 100.000 euros polas obras realizadas na rúa 25 de xullo nos meses de marzo e abril de 2015, que non tiñan partida orzamentaria.

Documentos relacionados



Compartir: