ALCALDÍA

Vinte e cinco nenos e nenas de catro centros escolares da cidade participan no pleno infantil con motivo do Día do Neno

20/11/2015 Vinte e cinco nenos e nenas dos colexios das Fontiñas, Lamas de Abade, López Ferreiro e Monte dos Postes foron os protagonistas este venres no salón de plenos do Concello de Santiago, onde recibiron a benvida do alcalde da cidade, Martiño Noriega; do concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, e dos representantes da oposición Agustín Hernández, Rubén Cela e Gonzalo Muíños. Esta actividade con motivo do Día Internacional dos Dereitos do Neno, contou coa colaboración de Unicef.

Cada centro, por medio dalgúns ou de todos os rapaces e rapazas que formaron parte do pleno por un día, tiñan que expoñer as súas inquedanzas con respecto a un tema. Así, o alumnado do CEIP Lamas de Abade falou sobre identidade e saúde, destacando a importancia que ten que os nenos e nenas teñan dereito a un nome e a inscribirse no Rexistro Civil.

O alumnado do CEIP das Fontiñas falou de familia e protección e da importancia de investir na infancia, porque os nenos "somos o futuro desta cidade".

A terceira quenda de palabra foi para os nenos e nenas do CEIP Monte dos Postes, que basearon as súas intervencións na educación e no xogo.

Finalmente, pecharon a quenda de intervencións os alumnos do CEIP López Ferreiro, que falaron da importancia da igualdade entre todos os nenos e nenas do mundo, con independencia do seu lugar de nacemento.

O alumnado dos catro centros aproveitaron tamén para formular as súas dúbidas o alcalde, que versaban sobre o dereito dos nenos e nenas migrantes a unha educación e sanidade no Concello. Martiño Noriega lembroulles a importancia de "defender desde as institucións a sanidade e a educación públicas como sistemas correctores das desigualdades".

Máis actividades
Está prevista unha actividade con nenos e nenas de educación infantil a cargo de Seminario Galego de Educación para a Paz. A través dun photocall representaranse os dereitos básicos que asisten á infancia mediante conceptos sinxelos, e toda a actividade quedará reflectida nun vídeo e mediante fotografías. Empregaranse disfraces (princesas para os nenos e cabaleiros para as nenas), doutores, mestres; construiranse con eles máscaras e outros obxectos para que representen estes dereitos; e faranse micro debates con eles.

Ademais realizarase un obradoiro creativo de TV e vídeo a cargo de Asemblea de Cooperación Pola Paz sobre os dereitos da Infancia, con nenos de 6º de Primaria, e unha xincana con Cruz Vermella, coa temática dos Dereitos da Infancia.

Compartir: