IGUALDADE

O Concello de Santiago sensibiliza en igualdade de xénero a máis de 450 adolescentes con motivo do 25 de novembro

20/11/2015 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Sostible e Turismo, Marta Lois, presentou no Pazo de Raxoi unha innovadora campaña para sensibilizar os adolescentes da cidade sobre a igualdade de xénero con motivo da celebración do 25 de novembro, declarado pola ONU como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Marta Lois destacou que a educación e a sensibilización en igualdade entre a xente nova é a mellor ferramenta para a prevención de casos de violencia de xénero no futuro. Por este motivo, deseñouse un programa de sensibilización que aposta por presentar os conceptos asociados á igualdade de xénero dun xeito lúdico e pedagóxico ao mesmo tempo. Ademais, destacou a necesidade de por en marcha programas transversais coma este e de estendelos no tempo no ámbito educativo.

A aposta do Concello pasa por innovar na forma de achegarse á xente nova, buscando un modo amigable, que empregue a súa mesma linguaxe e así permita crear atmosferas cómodas de reflexión entre os propios adolescentes. Por iso o programa xira en torno a un espectáculo teatral, As fillas bravas, do Grupo Chévere, que serve de base para unha unidade didáctica e obradoiros sobre os valores da igualdade. Neste proxecto, o grupo teatral colabora coa empresa PROMOVE, cuxa directora, Fátima Rodríguez, acompañou a concelleira na rolda de prensa.

O programa está deseñado para que podan participar nel máis de 450 adolescentes que cursan 4º da ESO ou 1º de Bacharelaro nos IES Pontepedriña, Xelmirez I, Antonio Fraguas e Fontiñas, centros que están colaborando activamente na programación das actividades co Concello.

Empoderamento da muller
O espectáculo teatral As fillas bravas expón modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan valores como a independencia e a autonomía. Reflicte de xeito lúdico un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional, transmitidos no cancioneiro popular galego a través da recompilación de textos orais populares.

O interese educativo do proxecto reside no feito de provocar unha relectura da cultura tradicional a través da recuperación e actualización do cancioneiro popular galego, facendo unha prospección do máis local para extraer aportacións que reforcen os valores da igualdade na sociedade actual.

As representacións teatrais terán lugar o 23 de novembro, no Auditorio de Galicia, e ao día seguinte, 24 de novembro, no IES Xelmírez I.

Compartir: