INNOVACIÓN

Santiago participa na Asemblea anual da Rede Española de Cidades Intelixentes

18/11/2015 O Concello de Santiago participou na Asemblea anual da Rede Española de Cidades Intelixentes (RECI), que reuniu este mércores na Fira de Barcelona a representantes dos seus 65 municipios. Na reunión deuse conta do resultado do evento startup4cities 2015, celebrado o martes no marco do Smart City Expo World Congress. Nel, 18 emprendedores españois e portugueses presentaron os seus proxectos innovadores para mellorar a xestión e a calidade de vida da cidade, e varias cidades ofrecéronse para converterse en laboratorios urbanos onde poderán testar o seu funcionamento e a súa viabilidade como negocio.

Este evento é o broche final da convocatoria startup4cities 2015, que dende o mes de setembro se ha desenvolveu paralelamente en España e Portugal, en virtude do acordo de colaboración existente entre RECI e a Rede Portuguesa de Cidades Intelixentes (RENER), e que estivo dirixida a emprendedores e start-ups de base tecnolóxica con ideas innovadoras para dar resposta aos novos desafíos do desenvolvemento urbano. Dos 108 proxectos recibidos, un xurado de expertos elixiu os 18 mellores da convocatoria, que foron presentados ante os concellos de RECI e RENER, e estas elixiron os que consideraron máis interesantes para implantalos nas súas respectivas cidades.

En relación á Asemblea de RECI, a primeira tras as eleccións municipais do pasado mes de xuño, deuse conta de todas as actuacións levadas a cabo pola súa Oficina Técnica e os seus cinco Grupos de Traballo no último ano, os convenios de colaboración formados, os congresos e xornadas nos que se participou, así como das incorporacións de novas cidades, que pasaron das 25 existentes no momento do seu nacemento, en xuño de 2012, a 65 na actualidade. Ademais, tras a creación, na Asemblea de 2014, da figura do "municipio amigo" para aquelas cidades de menos de 50.000 habitantes, son 12 os que se acolleron a esta denominación no último ano.

RECI
A Rede Española de Cidades Intelixentes (www.redciudadesinteligentes.es) foi constituída en xuño de 2012 co obxectivo de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente para desenvolver un modelo de xestión sostible e mellorar a calidade de vida dos cidadáns, incidindo en aspectos coma o aforro enerxético, a mobilidade sostible, a eAdministración, a atención ás persoas ou a seguridade. Actualmente está formada por 65 cidades: A Coruña, Albacete, Alcalá de Henares, Alcobendas, Alcorcón, Alicante, Almería, Alzira, Aranjuez, Arganda del Rey, Ávila, Badajoz, Barcelona, Burgos, Cáceres, Castellón, Ciudad Real, Córdoba, Guadalajara, El Puerto de Santa María, Elche, Fuengirola, Getafe, Gijón, Jaén, L’Hospitalet de Llobregat, Huelva, Las Palmas de Gran Canaria, Logroño, Lugo, Huesca, Madrid, Majadahonda, Málaga, Marbella, Mérida, Molina de Segura, Móstoles, Motril, Murcia, Oviedo, Palencia, Palma de Mallorca, Pamplona, Paterna, Ponferrada, Pozuelo de Alarcón, Rivas Vaciamadrid, Sabadell, Salamanca, San Cristóbal de La Laguna, Sant Cugat, Santa Cruz de Tenerife, Santander, Santiago de Compostela, Segovia, Sevilla, Tarragona, Toledo, Torrejón de Ardoz, Torrent, Valencia, Valladolid, Vitoria-Gasteiz e Zaragoza. Fundetec é a súa oficina técnica.

Compartir: