LINGUA

Convocado o XVI Premio Manuel Beiras

18/11/2015 O alcalde presentou hoxe unha nova edición, a número XVI, do Premio Manuel Beiras de recoñecemento ao uso do galego no sector empresarial. O certame, convocado polo Concello e a Cámara de Comercio, cumpre un dobre papel: salientar o esforzo das empresas na normalización lingüística, e lembrar a figura de Manuel Beiras, un histórico comerciante compostelán e destacado loitador en prol da nosa lingua e a nosa cultura. Na presentación, Martiño Noriega estivo acompañado polo vicepresidente da Cámara de Comercio, Evaristo Rodríguez Carracedo.

O rexedor lembrou que non só lle corresponde ás administracións públicas defender o noso idioma, que é o noso ben colectivo máis prezado. Martiño Noriega apelou ao papel de Santiago como capital da lingua, e invitou ás empresas compostelás a sumárense a este reto.

Pola súa parte, o vicepresidente da Cámara de Comercio incidiu en que o Premio Manuel Beiras "trata de remover conciencias para que o galego non se acabe convertendo nunha lingua morta, para que o galego sexa a lingua na que xogar a partida e na que traballar nas empresas". Evaristo Rodríguez Carracedo amosou a súa preocupación polos últimos informes que sinalan que só un de cada catro galegos de menos de 15 anos falan no noso idioma, e menos da metade da poboación utiliza habitualmente o galego.

Bases
O obxectivo do Premio Manuel Beiras é distinguir aquelas empresas que fagan un uso normalizado da lingua galega nas súas actividades comerciais e de comunicación. Posto que ten carácter de distinción pública, o galardón materialízase nun elemento simbólico de carácter artístico que lle será entregado ás persoas ou entidades premiadas, sen que leve engadida ningunha contía económica.

O Premio convócase en dúas categorías: "Empresas que veñan realizando un uso continuado da lingua galega" e "Empresas que se incorporaran recentemente ao uso do galego". Tamén se poderá outorgar unha distinción especial ás persoas ou entidades que se destacaran pola súa contribución á normalización da lingua no mundo empresarial.

Ao galardón poden optar as empresas radicadas no Concello de Santiago, porque teñan a súa sede social no municipio ou porque realicen unha importante actividade nel. Poden presentarse directamente, ou seren propostas por calquera persoa ou entidade.

No xurado estarán representados o Concello, a Cámara de Comercio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Universidade de Santiago, o Colexio Oficial de Xornalistas, e representantes dunha asociación en defensa da lingua, dunha asociación de consumidores, e de cada unha das empresas premiadas na edición anterior. A presidencia do xurado altérnase entre o Concello e a Cámara de Comercio, e neste 2015 recae na entidade cameral.

O prazo para presentar as candidaturas ao premio Manuel Beiras remata o 9 de decembro. Está previsto que o día 17 se celebre a entrega de premios.

Documentos relacionados



Compartir: