ACCIÓN CULTURAL

Premio Cineuropa 2015 para Arturo Ripstein

18/11/2015 Mañá xoves, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, entregaráselle o Premio Cineuropa ao cineasta mexicano Arturo Ripstein. Tras a cerimonia proxectarase Profundo Carmesí, película dirixida por Ripstein en 1996. Á parte do premiado, contaremos coa presenza de Marisa Paredes, unha das actrices do filme. Ripstein foi recibido esta mañá na Casa do Concello polo alcalde da cidade.

Martiño Noriega asegurou que recibir a Arturo Ripstein era "unha honra e un pracer" e que era "un auténtico privilexio contar con el na cidade estes días" porque coa súa presenza e contacto co público e coa proxección do seu traballo, "os veciños e veciñas de Santiago, así como os visitantes, saímos claramente gañando". O director de Cineuropa, José Luis Losa, fixo un repaso pola súa obra e lembrou que dende a primeira edición de Cineuropa contabamos cos seus filmes, polo que nesta 29ª edición "este premio non é un premio, senón 29".

Arturo Ripstein asegurou sentirse moi honrado de recibir o premio Cineuropa e "entrar a formar parte del grupo de cineastas que ya lo han recibido y que es muy notable". O director comezou dicindo que "explicar una película es complicadísimo y para explicar una carrera de 50 años necesitaría 18 por lo menos y no sabría por donde empezar". Ademais, coa súa ironía habitual, dixo en relación ao mérito para recibir o premio que "por supuesto que me lo merezco, aunque sólo sea por ancianito".

Ás preguntas dos xornalistas de se consideraba que o seu cinema era pesimista e negro, tal como moitos dicían, asegurou estar de acordo e ser "consciente de lo que perpetro". "Hay una fascinación por lo terrible, lo oscuro, los sobrevivientes. Yo vivo en una ciudad de sobrevivientes. Y cuento lo que veo", aseverou. Neste sentido, recoñeceu que o que o inspiraba para facer os seus filmes era México D.F, a súa cidade, e que esa "negrura" nas súas películas cautivouno cando con tan só 15 anos Luis Buñuel lle ensinou o seu filme Un perro andaluz.

Arturo Ripstein, o "cineurgo"
Fillo do produtor Alfredo Ripstein, a súa infancia e mocidade transcorreron naturalmente ligadas ao cinema. Co obxectivo de converterse en cineasta, comezou a pedir permiso aos directores para acceder ás rodaxes das súas películas. Alí estudouno todo, e tomou as notas e fotografías coas que aprendeu o oficio. Así sucedeu con Luis Buñuel ao que visitou frecuentemente na rodaxe de El Ángel exterminador -do que, por certo, nunca foi asistente, como aseguran diversas fontes-, e con Chano Urueta, a quen considera o seu auténtico mestre.

Escuro á vez que brillante, fascinante, obsesivo e amante da mellor literatura, Ripstein consolidou ao longo destes 50 anos una das carreiras máis persoais e viscerais do cinema a nivel internacional. Medio século xa dende Tiempo de morir, película en cuxo guión traballaron xuntos Gabriel García Márquez e Carlos Fuentes, e desde aquel entón, case película por ano.

O primeiro contacto de Cineuropa con Arturo Ripstein tivo lugar xa na súa primeira edición, coa proxección de El Imperio de la fortuna, adaptación dunha historia de Juan Rulfo a cargo de Paz Alicia Garciadiego, a súa guionista habitual. Agora o festival proxecta unha retrospectiva con once películas seleccionadas polo propio Ripstein: El castillo de la pureza (1973), El Santo Oficio (1974), La viuda negra (1977), El lugar sin límites (1978), El imperio de la fortuna (1986), Principio y fin (1993), La reina de la noche (1994), Profundo carmesí (1996), El evangelio de las maravillas (1998) e Así es la vida (2000). Esta homenaxe completarase coa súa produción máis recente La calle de la amargura, filme que tivo a súa premier mundial no Festival Internacional de Cine de Venecia.

O cineasta, dúas veces gañador da Cuncha de Ouro en San Sebastián, de tres Grandes Corais na Habana, de múltiples Arieles mexicanos, convidado habitual nos festivais de Cannes e Venecia, está aquí, connosco, revisitando o seu cinema en Santiago de Compostela. El, en palabras de José Luis Losa, o "cineurgo".

Compartir: