CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia interpreta este xoves a Sinfonía nº 6 de Mahler, con arranxo do compositor Xoán Trillo

17/11/2015 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos no Auditorio de Galicia. O primeiro será o xoves 19, ás 21:00 horas. Ao día seguinte, o venres, a orquestra ofrecerá un concerto didáctico para escolares, ás 11:00 horas. En ambas citas levará a batuta o director titular e artístico da agrupación, o mestre Paul Daniel.

No seu concerto semanal, a RFG interpretará unha das mellores obras do austríaco Gustav Mahler (1860-1911), a Sinfonía nº 6. É a primeira das súas sinfonías que non ten un final feliz, senón que, polo contrario, está inmersa nun gran pesimismo, de aí o sobrenome de "Tráxica". Nela, o autor describe o mundo dos malos presaxios, como o home sae derrotado despois dunha loita entre as forzas positivas e negativas. Estreouse por primeira vez en 1906, baixo a dirección do propio Mahler.

A Real Filharmonía de Galicia acercará ao público a obra con arranxos do compositor Xoán Trillo. Debido á súa complexidade, esta sinfonía require dun grande estudio por parte dos directores e das orquestras que a interpretan.

O venres, estudantes de Primaria e Secundaria terán a oportunidade de escoitar fragmentos desta sinfonía de Mahler, axudados das explicacións do director da RFG, que relatará aos máis pequenos a importancia desta obra, dunha maneira amena e próxima.

Charla previa co director e co compositor
Antes da celebración do concerto do xoves pola noite, o director Paul Daniel e o compositor Xoán Trillo manterán unha charla previa cos asistentes á cita musical. Será ás 20:15 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia CONvers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de acercar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: