EDUCACIÓN

O Concello garante a normalidade na prestación do servizo de comedores

17/11/2015 O alcalde de Santiago informou hoxe da renuncia de Serunión a ser a adxudicataria dos comedores escolares nos cursos 2015-2016. A decisión desta empresa, que actualmente presta o servizo, chega despois de que tamén renunciaran ao contrato a malagueña Perea Rojas (que fora a máis valorada na mesa de contratación e que perdeu recentemente os contratos que tiña coa Xunta por non garantir a calidade do servizo); e a compostelá Ruta Xacobea (segunda clasificada no procedemento).

A mesa de contratación convocada para esta mañá para resolver o concurso non puido celebrarse pola ausencia, xustificada, do secretario do Concello. O órgano reunirase en canto sexa posible para estudar a situación creada e para facer unha proposta de resolución. Martiño Noriega explicou que será a mesa de contratación, da que forman parte técnicos e representantes dos catro grupos da corporación, a que determine se o Concello debe convocar un novo concurso ou se existen outras medidas excepcionais que se poidan adoptar para adxudicar un servizo tan sensible como o dos comedores escolares.

O alcalde fixo un chamamento á tranquilidade, e asegurou que o servizo de comedores vaise seguir prestando con normalidade. Martiño Noriega lembrou que a empresa Serunión comprometeuse a seguir atendendo os colexios composteláns ata que se resolva este procedemento. Ademais, o rexedor insistiu en que o máis importante é lograr que o procedemento se resolva garantindo a calidade do servizo, e aludiu aos problemas detectados en numerosos colexios galegos nas últimas semanas.

En canto ao acontecido coa retirada das tres empresas que se presentaron ao concurso, o rexedor compostelán recoñeceu que se trata dunha "situación anómala desde o punto de vista da tramitación administrativa, e máis cando se trata dun concurso no que se melloraron os pregos e os prezos a percibir pola adxudicataria".

Documentos relacionados



Compartir: