ACCIÓN CULTURAL

"Frankenstein-04155" e "Une Jeunesse Allemande", dous documentais a reivindicar, na xornada do mércores 18 en Cineuropa

17/11/2015 Ás 20:00 h deste mércores, un Teatro Principal cheo ata a bandeira recibirá ao director Aitor Rei na estrea da súa moi esperada Frankenstein-04155, película documental que analiza as múltiples variables que influíron no fatal accidente do Alvia 04155 o 24 de xullo de 2013. Producida por Boneca Lareta, conta coa colaboración da Plataforma de Vítimas Alvia 04155 e recibiu financiamento a través de achegas de particulares mediante unha plataforma de crowdfunding. Unha estrea ineludible.

No Salón Teatro, ás 22:45 h, estrearase Une Jeunesse Allemande, de Jean-Gabriel Périot, outro máis que apreciable documental que analiza as causas da creación da Facción do Exército Roxo, grupo terrorista revolucionario fundado por, entre outros, Andreas Baader e Ulrike Meinhof, no conflitivo contexto da década dos 60 do pasado século na República Federal de Alemaña.

Ás 0:00 h, no mesmo Salón Teatro, estrearase en Cineuropa Dás Zimmermädchen Lynn (A Camareira Lynn), un notable traballo de Ingo Haeb sobre o voyeurismo que recibiu o Premio da Crítica e o de Mellor Contribución artística en Montreal, e o de mellor Actriz no Festival de Munich. Máis que merecido este último para unha convincente e impúdica Vicky Krieps, que interpreta a unha camareira de hotel que se esconde debaixo das camas para espiar aos clientes.

Ao longo da tarde, teremos nova oportunidade de charlar co cineasta mexicano Arturo Ripstein tras as proxeccións, no Salón Teatro, de dous dos seus máis celebrados filmes, El Castillo de la Pureza (ás 16:00 h) e El Imperio de la Fortuna (ás 18:00 h).

A programación do día inclúe os últimos pases de Taxi Teherán, de Jafar Panahi (ás 18:30 h no Teatro Principal); Mustang, de Deniz Gamze Ergüven (Teatro Principal ás 22:15 h); John From, de João Nicolau (Salón Teatro ás 21:00 h); e o penúltimo de Il Racconto dei Racconti (O conto dos contos), de Matteo Garrone (ás 0:00 h no Teatro Principal). Catro interesantes películas da sección Roxos e Marcianos: a caza de bruxas en Hollywood completarán a carteleira do día.

Direcciones relacionadas



Compartir: