MOCIDADE

Ábrese o prazo para votar de forma telemática as 50 propostas do proceso piloto de orzamentos participativos

14/11/2015 O venres á tarde, o CSC de As Fontiñas acolleu unha multitudinaria asemblea onde os participantes fixeron a súa votación respecto aos orzamentos participativos de Mocidade. Comeza agora a última fase do proceso piloto destes orzamentos coa votación mediante internet das 50 propostas xurdidas tras os talleres e a presentación online de actividades.

Máis de 130 mozos e mozas, dos cales 40 tiñan dereito de voto na asemblea, cubriron o formulario para poder participar do proceso, ben no voto na Asemblea de onte ou ben na fase que vén de abrirse. Do total de propotas, 20 están relacionadas coa cultura, os deportes e o tempo de lecer; 9 coa inclusión social, igualdade e o desenvolvemento; 7 vencelladas á empregabilidade e formación e outras 10 sobre medio ambiente, entorno e consumo responsable.

O sistema de votación consiste en elixir 10 das 50 propostas e asignar un número do 10 ao 1 de tal xeito que queden ordenadas. A semana que vén volverase reunir o Grupo Motor para facer unha valoración do procedemento, ordenaranse as propostas en relación ao número de votos e remitiranse ao Concello para que os técnicos analicen a súa viabilidade.

Compartir: