CONCENTRACIÓN

Concentración no Obradoiro de condena polos atentados terroristas de París

14/11/2015 A Praza do Obradoiro acolleu este mediodía unha concentración de condena polos atentados terroristas da pasada noite en París, que lle custaron a vida a máis de 120 persoas. O alcalde compostelán, varios concelleiros da Corporación municipal, membros do Goberno da Xunta, representantes de distintas formacións políticas e o reitor da Universidade de Santiago gardaron uns minutos de silencio en memoria das vítimas, portando uns carteis nos que se podía ler o lema oficial da República Francesa: Liberté, Égalité, Fraternité.

Martiño Noriega quixo condenar a sen razón do acontecido nas últimas horas en París, e reivindicar os valores da República Francesa: a liberdade, a igualdade e a fraternidade. O alcalde insistiu en que o medo non pode ser a coartada para renunciar ás liberdades civís, e explicou que eses valores da República Francesa son a fortaleza de Europa.

O rexedor compostelán fixo tamén un chamamento á tranquilidade despois do acontecido en París, e explicou que o Concello mantén unha canle continua de diálogo coa Delegación do Goberno, por se houbera algunha recomendación en materia de seguridade.

O Pazo de Raxoi iluminaráse coas cores da bandeira francesa
Despois desta primeira mostra de repulsa aos atentados de París, o Concello decidiu iluminar esta noite a fachada do Pazo de Raxoi coas cores da bandeira francesa, como mostra de solidariedade co pobo galo e de condena a calquera acción terrorista.

Compartir: