ACCIÓN CULTURAL

Chega a Compostela "El triángulo azul", de Laila Ripoll e Mariano Llorente, Premio Nacional de Literatura 2015

13/11/2015 Laila Ripoll e Mariano Llorente foron galardoados co premio Nacional de Literatura 2015 na modalidade de Literatura Dramática pola obra El triángulo azul, premiada pola "súa calidade literaria, unha sólida estrutura dramática e a relevancia do tema: a experiencia vivida polos republicanos españois no campo de exterminio de Mauthausen, a súa resistencia e testemuño".

Os españois foron os primeiros en entrar en Mauthausen e os últimos en saír (7.000 entraron e menos de 2.000 sobreviviron). Ningún goberno se preocupou de se estaban vivos ou mortos e tiveron que lucir o distintivo azul de apátridas. El triángulo azul é unha intriga angustiosa e un cabaré grotesco no recordo dun suboficial nazi, xefe do laboratorio de identificación fotográfica, que mira atrás para intentar explicar aos seus fillos o inexplicable: o exterminio organizado de millóns de seres humanos.

As súas lembranzas chegan á arriscada peripecia daqueles españois que sacaron fotografías do campo e que serviron para incriminar a dirixentes nazis nos xuízos de Nuremberg e no carácter singular daquel grupo capaz de, naquel inferno, representar unha revista musical… No Nadal de 1942, un grupo de españois conseguiron, por primeira e única vez na historia dos campos de concentración, autorización para representar teatro, e fixérono sen perder o sentido do humor...

Compartir: