ACCIÓN CULTURAL

Cineuropa proxecta os tres volumes de "As Mil e Uma Noites", de Miguel Gomes

13/11/2015 Este sábado poderemos asistir a unha tarde dedicada ao noso premiado Miguel Gomes, co pase consecutivo dos tres volumes que conforman o seu último traballo, As Mil e Uma Noites. A cita será no Salón Teatro ás 16:00, 18:15 e 20:45 horas, respectivamente.

Durante máis dun ano, un equipo de xornalistas dedicouse a buscar entre crónicas e sucesos historias sobre o desemprego, a precariedade e o sufrimento que estaban a provocar no país veciño as políticas de austeridade promovidas por un goberno sempre afastado do pobo. A partir de aí, Gomes fía unha das súas fábulas exquisitamente contadas a través dunha fermosa e actual Scherezade.

Segundo Martin Pawley: "O Desolado, a segunda, é a máis canonicamente ficcional, tamén a máis amarga e desesperada, aínda a pesar de Dixie, o can transmisor de alegría que se acaba apropiando da función. O volume final, O Encantado, arranca coma un festín hedonista, puro pracer visual e sonoro nunha Bagdad marsellesa de fantasía, para levarnos logo á Lisboa actual e alcanzar a cima grazas a unha galería excepcional de personaxes, a desarmadora comunidade de passarinheiros que impresiona e emociona pola súa dedicación en favor da beleza, polo seu amor e o seu compromiso".

Outras estreas
Ao longo desta xornada haberá tamén outras estreas. A primeira delas, The Lobster (Lagosta), a nova proposta de Giorgos Lanthimos que acadou o Gran Premio do Xurado en Cannes, proxectarase ás 20:15 h no Teatro Principal. Trátase dunha distopía sobre un hipotético e fascista futuro no que os solteiros deben atopar parella en 45 días ou pasarán a converterse en animais. Esta idea sérvelle a Lanthimos para esbozar unha sátira da sociedade contemporánea, tan ansiosa de amor como medorenta de soidade. Os actores son unha peza chave desta película, un Colin Farrell contido e Rachel Weiz tan espléndida como nos ten afeitos.

Ás 23:00 h, no Salón Teatro, outra estrea: Une Histoire De Fou, de Robert Guédiguian, un exercicio de cinema político e militante. O director, por medio do conflito entre Armenia e Turquía do pasado século, expón un debate sobre o intercambio de roles entre vítimas e verdugos nunha sociedade que convive día a día coa violencia. Imprescindible.

No Teatro Principal pasaranse por segunda vez filmes tan substanciosos como She's Funny that Way, de Peter Bogdanovich (ás 16:30 h); Eisenstein in Guanajuato, de Peter Greenaway (ás 18:15 h); e o MacBeth de Justin Kurzel (ás 22:30 h).

Tamén haberá estreas galegas de novos valores como Diana Toucedo (En todas as mans proxectarase no Teatro Principal ás 12:00 h) ou Alfonso Vázquez, cuxo filme Contrafaces poderemos ver no CGAC ás 17:00 h. Outras propostas das seccións Ciclo Amos Kollek, Retrospectiva: Artur Brauner, Docs Music, Roxos e Marcianos: a caza de bruxas en Hollywood e Tributo e Restrospectiva Arturo Ripstein, completarán a oferta deste sábado en Cineuropa.

Direcciones relacionadas



Compartir: