CENTROS SOCIOCULTURAIS

Novas citas este domingo co programa familiar "12 doces do outono"

13/11/2015 A Concellaría de Acción Cultural segue coas actividades do programa familiar 12 doces do outono. Este domingo, 15 de novembro, haberá unha achega escénica para público familiar, combinada coa degustación, ao remate das funcións, de doces do outono elaborados dende os propios centros socioculturais polos veciños en obradoiros previos. A entrada aos espectáculos é de balde, suxeita á capacidade das salas.

As citas deste domingo son en tres centros socioculturais. Aí, no de Vite, a compañía Elefante Elegante representará ás 12:30 horas a obra Tristán cara de can. É un espectáculo visual dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos. Nesta comedia xestual, os personaxes falan unha lingua inventada e a música acompaña o ritmo da acción.

A montaxe conta a historia de Tristán, un rapaz que un día, de tan triste que estaba, decidiu arrancar o seu corazón para nunca máis sufrir e deullo a un paxaro que pasaba por alí. Mais as cousas non lle saíron como el esperaba. Tristán non deixou de sufrir, e o que foi peor, nunca máis un sorriso se debuxou nos seus beizos. A partir daquel día pasaron a chamarlle Tristán cara de can. Pero a historia non remata así. Dentro dunha misteriosa caixa aparece unha boneca de trapo que vai tentalo todo para facer rir ao noso personaxe.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, no Centro Sociocultural da Lavacolla, Os Quinquilláns porán en escena Por que é salgada a auga do mar. A Tripulanta Rías e o Tripulante Norai son dous investigadores mariños que teñen distintas hipóteses para dar explicación á orixe do sal na auga do mar. El cre as teorías científicas, pero ela fai máis caso dunha lenda cuxos protagonistas viviron hai moito tempo preto de Lavacolla. Con ambos os dous viaxaremos aos fondos mariños.

Tamén ás 18:00 horas, pero no Centro Sociocultural de Conxo, Caramuxo Teatro representará Feo, un espectáculo inspirado no Parrulo feo de Hans Cristhian Andersen, para nenos/as a partir dos 3 anos. Feo é un canto á diversidade e á esencia de cada persoa, unha comedia para toda a familia.

A pequena fábrica de parrulos de goma Il Papero Giallo produce todos os días centos e centos de parrulos do mesmo tamaño e cor, mais un dia sae un parrulo diferente...feo.

Direcciones relacionadas



Compartir: