LINGUA

Arredor de 70 concellos reúnense en Compostela para acordar accións comúns para o fomento do galego

13/11/2015 Actualizar o entusiasmo e activar colaborativamente a implicación dos concellos no fomento do galego son os principais obxectivos do Encontro de política lingüística municipal que terá lugar este luns 16 de novembro no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

Neste Encontro, arredor de 70 concellos confirmados, ademais doutras entidades implicadas na normalización lingüística, procurarán chegar a acordos básicos para un novo impulso do fomento do galego desde as administracións locais, pois, tal e como se di na presentación deste foro, "ante a situación da lingua galega, o noso maior e máis prezado ben colectivo que nos define como galegas e galegos, cómpre tomar iniciativas, con necesario acordo e vital impulso".

O evento, que ten lugar na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, arrancará ás 10:00 h coas intervencións de benvida, na procura dun novo impulso na política lingüística municipal, por parte dos representantes das entidades convocantes, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), pola que falará o seu presidente, Nel Vidal, e o Concello de Santiago de Compostela, polo que falará o seu alcalde, Martiño Noriega.

Despois desas intervencións, ás 10.30 h, haberá unha sesión de exposición e debate de ideas sobre o papel dos concellos para o presente e futuro da lingua, na que intervirán o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; a concelleira de Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre; a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero; o alcalde da Estrada, José López Campos; e o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña. O debate será moderado pola xornalista Fernanda Tabarés.

Tras unha pausa-café, ás 12.00 h comezarase a traballar en ferramentas estruturais necesarias para a política lingüística municipal, nunha sesión que será guiada por Rosa Moreiras, técnica do Concello de Ames, e Nel Vidal, técnico do Concello de Carballo. O encontro pecharase coa presentación de proxectos colaborativos para o fomento do galego para poñer en marcha conxuntamente polos concellos participantes, como son o proxecto Apego (www.apego.gal), de socialización en galego na infancia, do que fará Socorro García Conde, técnica do Concello de Santiago de Compostela; o Club de Debate, do que falará Conchi Cochón, técnica do Concello de Pontevedra; ou unha nova iniciativa para o fomento de youtubeir@s en galego, do que falará Mónica F. Valencia, técnica do Concello de Ourense.

Dende as entidades convocantes, a CTNL e o Concello de Santiago, convidan a participar neste foro a todos/as os/as representantes municipais e indican que "é bo actualizarmos entusiasmos, discursos, ferramentas e accións, para o que debemos vérmonos e falar para intercambiarmos e compartirmos impresións, ideas, visións e enfoques. Por iso, este Encontro de Política Lingüística Municipal, un foro para acordarmos ese necesario impulso vital desde os concellos para o futuro da lingua galega". O Encontro está aberto a calquera persoa interesada.

Direcciones relacionadas



Compartir: