DEPORTE

San Lázaro acolle este domingo a XV edición do Trofeo Concello de Santiago de Ciclocross

13/11/2015 A concelleira de Deportes, Noa Morales, presentou este venres os detalles do XV Trofeo Concello de Santiago de Ciclocross, que terá lugar este domingo, 15 de novembro, nos exteriores do Estadio de San Lázaro. Na rolda de prensa estivo acompañada do presidente do Club Ciclista Muebles Compostela, Manuel Paz; do vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo, José Flores; e do corredor Fran Baña.

O cambio de localización é precisamente unha das novidades deste ano, xa que se viña celebrando nas últimas edicións na Granxa do Xesto. A concelleira de Deportes destacou "a espectacularidade da proba, moi atractiva para os que participan, pero tamén para os que se acheguen a vela". Ademais, este ano o espectáculo contará cunha ponte deseñada para a ocasión dende a que se poderá seguir toda a proba.

Repartíranse 33 trofeos entre as 11 categorías en competición. Haberá tres saídas segundo as categorías: unha primeira ás 9:45 "para que os máis pequenos se sintan tamén protagonistas dando unha volta ao circuíto". Haberá unha segunda saída ás 10:00 e unha terceira ás 12:00 que constitúe a proba elite/sub 23, na que parte como gran favorito Mauro González, vencedor o ano pasado.

Pola parte local do Club Ciclista Muebles Compostela parten con opcións claras de podio Roi López en categoría cadete (sendo a súa segunda carreira na especialidade e primeiro ano na categoría), Juan José Saborido en Master 40 (actual campión de Galicia) e, na categoría reina elite, o corredor santiagués Darío Manuel Otero, que xa foi terceiro o ano pasado e está a realizar un bo papel na xa iniciada copa de España da especialidade .

O Trofeo Concello de Santiago é a segunda proba das oito que forman parte da Copa Galega de Ciclocross, promovida pola Federación galega de ciclismo. Conséguese así darlle maior empuxe a esta disciplina.

Compartir: