XUNTA DE GOBERNO

A empresa Perea Rojas renuncia á adxudicación do contrato do servizo de comedores escolares en Santiago

13/11/2015 A empresa Catering Perea Rojas vén de comunicarlle ao Concello de Santiago a retirada da súa oferta da licitación do servizo de comedores escolares para os cursos escolares 2015-2016. A Xunta de Goberno celebrada este venres deu conta do informe ao respecto da xefa do servizo de Contratación, deixando polo tanto en suspenso a adxudicación do servizo, prevista inicialmente para hoxe.

O alcalde, Martiño Noriega, deu conta do correo electrónico enviado pola empresa onte mesmo, e ao que seguiu un escrito no Rexistro do Concello. Nesa comunicación, a empresa sinala que "debido a las quejas y acusaciones recibidas por parte de los centros que hasta el día de ayer servíamos en la Comunidad Autónoma de Galicia, para no agravar más la situación y en vista de que inicialmente no somos bien recibidos en Santiago de Compostela, solicitamos la no adjudicación del contrato".

O rexedor compostelán recoñeceu a satisfacción do Goberno local pola decisión de Perea Rojas, despois do acontecido nas últimas semanas noutros centros escolares galegos nos que traballaba esta empresa. Martiño Noriega lembrou que "a Xunta puido rescindir o contrato coa firma malagueña porque se constataran deficiencias na prestación do servizo, pero o Concello podería incorrer en prevaricación se intentara retirarlle a adxudicación a Perea Rojas antes de existir ningún incumprimento do contrato".

O alcalde explicou que o informe da xefa do servizo de Contratación do que hoxe deu conta a Xunta de Goberno sinala que "o órgano de contratación pode recabar a documentación pertinente ao licitador seguinte pola orde no que quedaron clasificadas as ofertas". A próxima semana volverase reunir a mesa de contratación, e está previsto que o servizo lle sexa adxudicado á segunda empresa clasificada no procedemento, a compostelá Ruta Xacobea. En todo caso, aclarou o rexedor, a propia empresa terá que confirmar se acepta a adxudicación. Martiño Noriega tamén insistiu en que o servizo de comedores escolares está garantido nas próximas semanas, porque a actual adxudicataria comprometeuse a seguilo ofertando ata que se resolva o procedemento en marcha.

Outros acordos da Xunta de Goberno
Á marxe do servizo de comedores escolares, a Xunta de Goberno acordou realizar os trámites necesarios ante o Ministerio de Facenda para incluír a obra de reurbanización da rúa de San Pedro no Proxecto Urbana Santiago Norte, dentro da área temática Accesibilidade e Mobilidade. O obxectivo é complementar as accións xa existentes na medida na que sexa necesario, para certificar os 10.004 euros do total de gasto subvencionable do proxecto. As obras de reurbanización de San Pedro cumpren os requisitos, dende o punto de vista da ubicación territorial, do procedemento de licitación utilizado e máis da natureza da actuación e dos gastos que xerou.

En materia de obras, a Xunta de Goberno tamén aprobou o proxecto de renovación de pavimentos da rúa Rapa da Folla, incluído no POS 2014 da Deputación da Coruña e cun tipo de licitación de 37.434,22 euros máis IVE.

Tamén en relación coa Deputación, a Xunta de Goberno deu conta das subvencións do organismo provincial para o programa de actividades dos centros socioculturais do rural (140.000 euros) e do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche (144.000 euros).

Documentos relacionados



Compartir: