ACCIÓN CULTURAL

O festival Cineuropa recoñece a Miguel Gomes como "un dos máis grandes fabuladores do noso tempo"

12/11/2015 O portugués Miguel Gomes recibirá este venres o primeiro dos Premios Cineuropa que se outorgan nesta XXIX edición do festival. Autor de A cara que mereces (2004), Aquele querido mês de agosto (2008), ou Tabú, premio Alfred Bauer e FIPRESCI na Berlinale de 2012, Gomes é recoñecido, en palabras de Martin Pawley, como "un gran escoitador e iso fixo del un dos máis grandes fabuladores do noso tempo".

Tras a entrega do Premio estrearase o primeiro volume do seu último traballo: As Mil e Uma Noites, unha visión do actual Portugal da austeridade, a crise e os tecnócratas a través da mirada da bela Sherezade. A fábula, fermosísima fábula, é utilizada por Miguel Gomes para dar a coñecer a situación do seu país. A entrada á cerimonia de entrega do Premio Cineuropa e á proxección da película será gratuíta, previa recollida de convite no despacho de billetes do Teatro Principal.

Pero As Mil e Uma Noites non é a única estrea do día. Ás 19:45 h proxectarase o Macbeth de Justin Kurzel no Salón Teatro. Kurzel ofrece unha nova perspectiva da traxedia de Shakespeare, humanizando a uns protagonistas interpretados polos carismáticos Michael Fassbender e Marion Cotillard, e devolvéndolle ao texto o seu espírito orixinal. Un Macbeth obsesivo e grandilocuente e unha Lady Macbeth menos manipuladora do que nos teñen afeitos outros directores. A crítica coincide en describila como unha película tan elegante como violenta e de estilizada posta en escena.

Ás 23:00 h, no Teatro Principal, estrearase o último de Peter Greenaway, Eisenstein in Guanajuato, un biopic sobre a etapa mexicana do cineasta ruso durante a rodaxe de Que viva México!. Segundo José Luis Losa, director de Cineuropa, Greenaway toma "uns camiños insólitos: o descubrimento e desfrute do cineasta dunha homosexualidade festiva, case en ton de voldevil, e moi afastada da gravidez doutras obras do británico".

Este venres será a última oportunidade de asistir ás proxeccións de The misplaced world, de Margarethe von Trotta (ás 16:00 h no Teatro Principal); Songs My Brothers Taught Me, de Chloé Zhao (a continuación, ás 18:00 h tamén no Principal); Cop Car, de Jon Watts (no Principal ás 00:45 h); Slow West, de John Maclean (ás 17:45 no Salón Teatro); e o último de Ulrich Seidl, Im Keller (In the Basement), que se proxectará ás 21:45 h tamén no Salón Teatro.

A profusa programación da xornada (20 películas o día de hoxe) complétase con outros filmes pertencentes a diferentes seccións e de entrada libre até completar aforamento, que se proxectarán en catro das cinco sedes desta edición: Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC e sede Afundación.

Direcciones relacionadas



Compartir: