ACCIÓN CULTURAL

Doce formacións competirán no IX Certame Galego de Bandas de Música

12/11/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asistiu no Salón Teatro á presentación do IX Certame Galego de Bandas de Música, que se celebrará no Auditorio de Galicia os días 21 e 22 de novembro. Participarán doce formacións, repartidas nas tres categorías convocadas.

A Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) organiza este evento, que reunirá sobre o escenario do Auditorio de Galicia arredor de 800 músicos procedentes de ata 14 concellos de toda Galicia. Na sección terceira, para formacións de ata 50 integrantes, participarán, por orde de actuación, a Banda de Música Xuvenil de Torroso, a Municipal de Padrón, a do Municipio de Arbo, a "Lira" de San Miguel de Oia e a Popular de Moaña "Airiños do Morrazo".

Na sección segunda, participarán a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, a Banda de Música de Vilatuxe, a Xuvenil de Barro e a de Outeiro-Rábade-Begonte. Todas elas contan nas súas filas con entre 51 e 70 músicos, mentres que na sección primeira intervirán tres bandas municipais –Valga, Silleda e Oleiros– con máis de 71 integrantes.

O músico, director e compositor suízo Franco Cesarini, o compositor galego Juan Durán e o compositor e director valenciano Andrés Valero-Castells son os membros do xurado internacional encargado de elixir as formacións gañadoras, cuxos nomes se darán a coñecer o domingo 22 durante o acto de clausura do evento. Outorgaranse tres premios para cada unha das categorías, con diferentes dotacións económicas que suman 9.900 euros. A maiores, a Agadic achega para cada sección un recoñecemento á mellor interpretación dunha obra galega.

Obras de autoría galega
As formacións participantes interpretarán un pasodobre de presentación e, xa en concurso, ofrecerán unha obra de libre de elección e outra de autoría galega proposta pola organización: "Esbozos sinfónicos", de X.C. Seráns, para a primeira sección; "Noite de defuntos", de Antón Alcalde, para a segunda, e "Coma unha espada", de Manuel María Veiga Lombardía, para a terceira. Estas dúas últimas composicións foron as gañadoras nas súas respectivas modalidades da pasada edición do Concurso Galego de Composición para Banda de Música e Sección Sinfónica, no que quedara deserto o premio para a primeira categoría.

Este concurso de composición ten por obxectivo cubrir a escaseza de repertorio musical de autoría galega para ser interpretado especificamente por bandas de música. Neste momentos e ata o 26 de novembro, permanece aberto o prazo de presentación de obras para a súa nova convocatoria, da que sairán as composición premiadas que serán interpretadas polas bandas que participen no Certame Galego de Bandas de Música do vindeiro 2016.

Xunto co alcalde de Santiago, participaron na rolda de prensa o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; e o presidente da Federación Galega da Bandas de Música Populares, Armando Morales.

Direcciones relacionadas



Compartir: