FACENDA E MOCIDADE

O piloto de orzamentos participativos de Mocidade chega á fase de valoración con máis de 50 propostas presentadas

12/11/2015 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, fixo unha valoración do proceso piloto de orzamentos participativos na área de Mocidade, que se atopa xa na súa fase final. Este venres, ás 18:00 horas, no Centro Sociocultural das Fontiñas, celebrarase unha asemblea na que se votarán as propostas presentadas. O sábado iniciarase o voto telemático.

Nos talleres e mediante internet presentáronse 53 propostas divididas en varias áreas temáticas: 20 relacionadas coa cultura, os deportes e o tempo de lecer; 9 sobre inclusión social, igualdade e desenvolvemento; 7 sobre empregabilidade e formación e outras 10 sobre medio ambiente, entorno e consumo responsable.

Na xuntanza do Grupo Motor deste mércores no CSC de Cornes, os participantes fixeron unha primeira valoración das propostas e ponderáronas en relación aos cinco criterios do regulamento: equidade e a xustiza social, que sexan propostas inclusivas, que vaian dirixidas a barrios e rural (normalmente as zonas máis esquecidas neste tipo de áreas e iniciativas) que fomenten a participación de colectivos e asociacións e que promovan o emprego.

Votación de propostas
Ata 130 persoas inscribíronse para participar a través do formulario habilitado na web do Concello, unha cifra que non está pechada, posto que aínda segue aberta a posibilidade de participar durante toda a xornada de hoxe ata as 12 da noite. Ademais o Grupo Motor, encargado de supervisar o proceso dende o punto de vista non institucional, estivo integrado por 26 persoas.

Este venres, ás 18:00 horas no CSC das Fontiñas, celebrarase a Asemblea que terá que valorar e puntuar as propostas, que serán votadas en furna pechada. O sábado abrirase a votación de forma telemática e non poderán participar nin os que non cubrisen o formulario na web do Concello nin os que xa tivesen votado na Asemblea do venres. O sistema de votación consiste en elixir 10 das 50 propostas e asignar un número do 10 ao 1 de tal xeito que queden ordenadas. A semana que vén volverase reunir o Grupo Motor para facer unha valoración do procedemento, ordenaranse as propostas en relación ao número de votos e remitiranse ao Concello para que os técnicos analicen a súa viabilidade

Compartir: