EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O servizo de comedor e de madrugadores seguirá prestándose con normalidade e nas mesmas condicións a partir deste luns

12/11/2015 A Concellaría de Educación e Cidadanía vén de comunicar ás direccións dos centros educativos e ás ANPAS que o servizo de comedor e de madrugadores do Concello de Santiago se continuará prestando a partir do vindeiro luns, 16 de novembro, con total normalidade e nas mesmas condicións que ata agora.

Nunha nota remitida á comunidade educativa, o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, indica que os acontecementos acaecidos estes días en relación cos incumprimentos graves e reiterados da empresa Catering Perea Rojas, concesionaria do servizo de comedores escolares en diferentes vilas de Galicia, é motivo de fonda preocupación para o Concello de Santiago e, polo tanto, para a cidadanía de Compostela. Á vista da extensa información subministrada polos medios de comunicación arredor deste tema e da resolución de contrato efectuada pola Consellería de Educación no día de onte, a Concellería de Educación quere facer as seguintes consideracións:

1.- Logo da entrevista celebrada na mañá de hoxe co director rexional da empresa Serunión (actual concesionaria do servizo de comedores e madrugadores nos CEIP Apóstolo Santiago, Ramón Cabanillas, Cardeal Quiroga Palacios, Roxos–Villestro, Monte dos Postes, Mestre Rodríguez Xixirei, Fontiñas, Vite I e Raíña Fabiola), comunicouse á comunidade educativa que este servizo continuará manténdose con total normalidade, coas mesmas características e prezos que ata agora, a partir do luns 16 de novembro de 2015.

2.- O Concello de Santiago sacou a licitación este servizo e, como resultado do procedemento administrativo, a empresa con maior puntuación nese proceso foi Catering Perea Rojas, que aínda está pendente da adxudicación definitiva pola Xunta de Goberno Local, na sesión prevista para o día de mañá, venres 13 de novembro de 2015.

3.- Hoxe xoves, este Concello trasladou á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a preocupación do Goberno municipal por estes acontecementos, aínda máis porque o servizo municipal de comedores responde a un convenio de colaboración entre a Consellería e o Concello de Santiago para a xestión do Servizo de Comedor Escolar en nove centros educativos do Concello, con vixencia dende o 23 de xullo de 2015, e por si a investigación e conclusións que conduciron a resolver o contrato de comedores con esta empresa puidera afectar ou incidir no procedemento de adxudicación que se está a seguir por este Concello.

4.- A Concellaría de Educación garante a continuidade do servizo de comedores e madrugadores que se vén prestando e a vixilancia do Concello de Santiago para que a normalidade e a calidade do mesmo se manteña, independentemente da tramitación administrativa ordinaria que conleva todo o proceso de licitación e dos cambios que se poidan producir. Os pregos de condicións que rexen a licitación deste servizo sinalan con claridade as características e condicións nas que se debe prestar e, diante da alarma social xerada pola situación reflectida nos medios de comunicación, o Concello de Santiago extremará o control e o seguimento do mesmo.

5.- Esta información foi trasladada este mesmo xoves aos directores/as dos centros de ensino, ás ANPAS, á Federación de ANPAS "Compostela", á Inspección Educativa e ao xefe territorial de Educación.

Compartir: