MOBILIDADE

Case 70 representantes da sociedade compostelá participan da primeira xuntanza do Pacto Local pola Mobilidade

11/11/2015 Grande acollida e participación na primeira xuntanza do Pacto Local pola Mobilidade, que reuniu no Auditorio de Galicia a case 70 representantes da sociedade compostelana, dos grupos políticos do consistorio e do tecido asociativo.

O alcalde da cidade, Martiño Noriega, abriu o acto agradecendo a participación de todos os peresentes e lembrando "a importancia da mobilidade e do dereito á mesma en igualdade de condicións" ao mesmo tempo que resaltou "a necesidade de establecer unha mobilidade inclusiva onde os espazos públicos sexan expansivos para o desfrute de toda a veciñanza".

Na súa quenda, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Mobilidade e Dereito ña vivenda, Jorge Duarte, presentou os principios xerais e os obxectivos do Pacto que se poden atopar na web municipal www.santiagodecompostela.gal/pactomobilidade.

Realizaranse ademais tres novos plenarios en tres temas: os modos brandos de transporte, o transporte público e a circulación e o estacionamento; asuntos dos que se fará seguimento a través dun grupo de traballo operativo.

Os asistentes fixeron tamén uso do seu turno de palabra onde se transmitiu a importancia de apostar por un mellor modelo de transporte público, onde se afrontou a convivencia en aspectos relativos a transporte individualizado en bicicleta, debate sobre a peonalización e humanización dos espazos públicos e un modelo inclusivo para a veciñanza do rural. Por último os concellos limítrofres asistentes e o representante da Diputación agradeceron o convite a traballar en conxunto por unha gran área compostelá, botando en falta a representación da Dirección Xeral de Mobilidade, dado que é a competente no transporte metropolitano.
 
Concellos limítrofes
Contouse coa presenza do alcalde de Brión, José Luis García, a concelleira de transportes do concello de Teo, Conchi García e convidouse a outras entidades e concellos que non puideron asistir a esta primeira xuntanza. Ademais, participaron distintos colectivos e asociacións veciñais da cidade.

Compartir: