ACCIÓN CULTURAL

"Virgin Mountain", "The Lesson (Urok)" e "She's Funny that Way", as estreas máis destacadas da xornada en Cineuropa

11/11/2015 Este xoves estrearase Virgin Mountain, un traballo de Dagur Kári avalado polos seus tres galardóns no Festival de Tribeca nas categorías de mellor película, actor e guión, e cuxo actor principal, Gunnar Jónsson, tamén foi premiado na Seminci de Valladolid polo seu papel de xigantón entrañable. Virgin Mountain é a historia de Fúsi, un neno grande e inadaptado nun mundo onde non é socialmente aceptable conservar a inocencia infantil con máis de 40 anos. Dagur Kári aposta polo humor e a tenrura para obrigarnos a empatizar co personaxe, de tal forma que pasamos hora e media entre sorrisos e bágoas. Proxectarase ás 20:00 h no Teatro Principal.

Ademais, o outro plato forte do día é a colaboración xa habitual da Real Filharmonía de Galicia con Cineuropa. Ás 21:00 h, no Auditorio de Galicia, a orquestra poñerálle música a A woman of affairs (A muller lixeira) de Clarence Brown, con Greta Garbo e John Gilbert e música de Carl Davis. Estarán dirixidos por Diego Masson e, previamente, ás 20:15 h, teremos un Conversando con… Ángel Luis Hueso e José Luis Losa, tamén no propio Auditorio de Galicia.

Ás 20:00 h, pero no Salón Teatro, estrearase The Lesson (Urok), ópera prima de Kristina Grozeva e Petar Valchanov, candidata ao Premio LUX desta edición e Premio Novos Realizadores en San Sebastián. É outra película centrada nun único personaxe, neste caso Nadezhda, unha profesora que dá leccións de ética aos seus alumnos pero que por certas circunstancias verase obrigada a cometer actos de dubidosa moralidade. A película achégase ao realismo característico do cinema social europeo co uso da cámara en man e a ausencia de banda sonora.

A continuación, ás 22:00 h, no Salón Teatro, proxectarase She's funny that way, unha continuación natural do ciclo da pasada edición, Cando Tiburón devorou o cine: ascenso e caída do Novo Hollywood, un final feliz en forma de comedia coral clásica ao máis puro estilo Lubitsch que xa abordara (e bordara) en ¿Que me pasa, doctor? o seu director, o cineasta Peter Bogdanovich.

Esta xornada tamén se poderá asistir aos segundos pases de Slow West, de John Maclean (Teatro Principal ás 21:45 h); The misplaced world, de Margarethe von Trotta (Salón Teatro ás 18:15 h); e Cop Car, de Jon Watts (Salón Teatro ás 23:45 h). E proxectaranse por última vez Listen Up Philip, de Alex Ross Perry (Teatro Principal ás 18:00 h), e Son of Saul, de László Nemes (ás 23:15 h tamén no Principal).

A programación do día completarase con outras películas das seccións Filmadas en 1965, Ciclo Amos Kollek, Docs Music e Roxos e Marcianos: a caza de Bruxas en Hollywood proxectadas no Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC e sede Afundación. Todas as películas destas seccións son de entrada libre ata completar capacidade.

Direcciones relacionadas



Compartir: