DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O adestrador Moncho Fernández inaugura as xornadas de fomento da cultura emprendedora "Emprende Way"

11/11/2015 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou no Pazo de Raxoi a segunda edición de Emprende Way, programa para o fomento da cultura emprendedora na cidade enmarcado dentro do programa municipal Compostela Móvese. A concelleira estivo acompañada polas dúas emprendedoras organizadoras do evento, Carolina Lodeiro e Tamara Rodríguez.

O obxectivo de Emprende Way é crear un espazo de debate e colaboración estable e diferente en Santiago no que participen persoas con inquedanza emprendedora, xa sexan persoas traballadoras por conta allea, por conta propia ou persoas desempregadas. O programa combina sesións formativas e de intercambio de experiencias, complementadas con eventos de networking innovadores.

A primeira sesión celébrase este mércores 11 de novembro, ás 20:30 horas, no Ateneo 30, ubicado en Virxe da Cerca. Esta sesión inaugural será un Afterwork, no que o adestrador do Obradoiro, Moncho Fernández, explicará a importancia do traballo en equipo no deporte pero tamén no eido profesional.

O mércores 2 de decembro celebraranse as "Conversas no ascensor", a acción máis característica de Emprende Way. Consiste en converter a famosa técnica do elevator pitch nunha experiencia cen por cen real. Os participantes teñen un minuto e medio para seducir a clientes, colaboradores, inversores... Esta acción farase nun dos mellores ascensores de Santiago: o do Gran Hotel Santiago.

O mércores 16 de decembro pecharase o Emprende Way 2015 cun segundo Afterwork, na Silveira Casa de Xantar. Nesta ocasión a protagonista será a actriz Camila Bossa, para conversar sobre a importancia da empatía, habilidade que ten desenvolvida grazas á súa facilidade para colocarse no papel dos seus personaxes.

A participación nas diferentes accións é aberta e gratuíta para todas as persoas interesadas. Non obstante, é preciso inscribirse previamente en emprendeway.gal, dado que as prazas son limitadas pola capacidade dos locais.

Direcciones relacionadas



Compartir: