POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello pon en marcha dúas actuacións dirixidas ás persoas sen teito da cidade

11/11/2015 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou en rolda de prensa dúas accións dirixidas a persoas sen teito da cidade que porá en marcha o Concello en colaboración con Cruz Vermella e FEAFES. Trátase de dúas organizacións cunha traxectoria recoñecida no traballo con este colectivo.

As actuacións chave xirarán en torno a tres eixos: un equipo de rúa de intervención directa con este colectivo; acceso a pensións para todas aquelas persoas que dormen na rúa e que desexen acceder ás mesmas e a posta en marcha de tres "Pisos saída". Con este programa "quérese atender situacións de vulnerabilidade social, o que configura unha das prioridades do Goberno municipal".

Trátase de vivendas de baixa esixencia as que poderán acceder estas persoas e iniciar o seu proceso de recuperación en base a un modelo de intervención chamado "Housing first", que poderiamos traducir ao galego como "Primeiro, un fogar". A través deste modelo proponse que as persoas que están na rúa poidan acceder directamente a unha vivenda digna, adecuada e permanente para que poida comezar a fase de intervención.

A concelleira de Políticas Sociais explicou que "non se trata só dunha vivenda co apoio necesario para que poidan saír adiante, senón que se precisa tempo para converter esas vivendas en fogares". É polo tanto un plan a curto, medio e longo prazo, posto que as persoas que chegan á situación de vivir na rúa están xa nunha situación moi extrema que é complexo reverter.

Nesta actuación, o Concello tamén quere incorporar a perspectiva de xénero. Por iso, un dos pisos será específico para mulleres.

Equipo de rúa
Porase en marcha un equipo de rúa, formado por dous profesionais, apoiados por un equipo de voluntarios supervisados pola coordinación do proxecto, que estará formado por un psicólogo/sociólogo ou educador social; un traballador social e un equipo de seis voluntarios.

Pisos de saída
A proposta está deseñada para atender a persoas sen teito, sen fogar ou en grave risco de exclusión social, que teñan trastornos psiquiátricos, carencia de redes sociofamiliares de apoio ou soporte vital ou ben sexa débiles e desartelladas, padezan deterioro psicosocial referido a varios aspectos da vida cotiá como a hixiene persoal, o manexo social, etc, que dificulten o seu desenvolvemento. As persoas que participen no proxecto farano de forma voluntaria e deberán aceptar as normas de inclusión no mesmo.

Estas actuacións desenvolveranse en dúas fases: unha primeira dende novembro ata fins de ano, onde se porá en marcha o equipo de rúa, e outra fase no primeiro trimestre de ano, cando comezarán a utilizarse os pisos de saída.

Compartir: